A CNT esixe a conversión do persoal temporal en fraude a persoal fixo
O persoal público temporal galego convocado pola CNT concentrouse este pasado sábado na Igrexa de San Domingos de Bonaval onde tiña lugar a investidura de Alfonso Rueda.
Berros de «Rueda escoita, o teu plantel en loita», «Con tanto temporal, algo estás facendo mal» ou «Fixeza xa» foron constantes na protesta dos empregados e empregadas públicas temporais que acudiron en representación dos palteis do Consorcio galego de Igualdade e Benestar, dos bombeiros forestais, de Augas de Galicia, e do resto da Xunta de Galicia e doutras administracións públicas galegas caracterizadas pola fraude e o abuso do persoal temporal.
«O persoal público temporal está farto xa da súa situación indefinida de abuso e reclama que as Administracións públicas cumpran xa coas disposicións do Tribunal Europeo de Xustiza. Particularmente na Xunta de Galicia, exemplo de trato lamentable aos seus traballadores e traballadoras temporais, reclámase a paralización inmediata dos procesos de estabilización e a conversión a fixo segundo a doutrina europea» denuncian.
Por último, desde a CNT anúnciase unha nova protesta do persoal público temporal o vindeiro xoves 25 de abril en A Coruña ás portas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.