Máis de 20.000 persoas asistirán ao Encontro Mundial de Humorismo

por Redacción A Coruña

La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina, Humoris Causa e Fantastic Colofon penduraron o cartel de ‘entradas esgotadas’ hai semanas; ao igual que as actividades Lo que me han enseñado los mayores e El sentido de la birra, citas para as que non quedan convites dispoñibles

A dez días do inicio da súa cuarta edición, o Encontro Mundial de Humorismo segue a bater récords. O EMHU leva despachadas máis de 20.000 entradas e convites para os seus espectáculos e actividades, que terán lugar entre o 25 de abril e o 5 de maio na Coruña. Numerosos shows xa penduraron hai semanas o cartel de ‘sold out’. É o caso de La capital del pecado 2.0 e Fantastic Colofon, ademais das propostas que contarán con dobre función, como son Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina e Humoris Causa. Alén dos espectáculos, as actividades gratuítas que requiren retirada de convite previo, como é Lo que me han enseñado los mayores ou El sentido de la birra, tamén despertaron interese entre o público, que esgotou todas as invitacións dispoñibles. 

Porén, todas as persoas que aínda non teñan abono ou entradas para o EMHU, teñen opción de mercar algunhas das últimas entradas dispoñibles para propostas como Celebreixon (con Roberto Vilar, 28 de abril), Go Home (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio), Tengo cosas para hacer (con Dalia Gutmann, 3 de maio) ou La nueva normalidad (con Álex Clavero, 3 de maio).

Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da gravación do podcast El Nicho (con David Perdomo e Xosé A. Touriñán), do espectáculo de improvisación Match de Impro (co alumnado da Escuela de Impro Coruña), dos parladoiros Coidado coas bromas: os perigos da comedia e O negocio do humor, que terán lugar na Sede de Afundación; ou da presentación do libro Pérdidas de risa, no que Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.

O EMHU colabora con Cultura por Alimentos

O Encontro Mundial de Humorismo colabora na súa cuarta edición co programa Cultura por Alimentos, impulsado por Afundación, Obra social ABANCA. A intención desta campaña é que o público que asista ás actividades paralelas gratuítas do EMHU que teñan lugar na Sede de Afundació  poida participar desta acción solidaria facendo unha doazón de alimentos non perecedoiros. 

A campaña Cultura por Alimentos consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario