O presentador de “Órbita Laika” imparte este venres unha conferencia en Ferrol

por Redacción A Coruña

O profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidad de La Rioja e presentador do programa de divulgación científica de La2 de RTVE «Órbita Laika», Eduardo Sáenz de Cabezón, imparte, este venres 19 de abril, ás 19:00 horasno Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a conferencia «Á nosa imaxe e semellanza. Unha viaxe ao cerebro da máquina» convidado pola Cátedra Jorge Juan que promove a Universidade da Coruña en colaboración coa Armada e que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.

Tal e como explica o doutor en Matemáticas e Computación pola Universidad de La Rioja, Eduardo Sáenz de Cabezón, o que coñecemos como Intelixencia Artificial (IA) é un dos avances tecnolóxicos que máis implicacións está a ter na nosa vida diaria nos últimos anos. “Os novos desenvolvementos e aplicacións nesta área apelan de todos os xeitos a tratar de ter unha mirada reflexiva e crítica así como a tratar de mellorar os nosos coñecementos de tal xeito que podamos aproveitalos en beneficio dunha sociedade mellor”, engade o divulgador científico. Coa súa intervención, o presentador do programa “Órbita Laika” invitará ao público asistente a reflexionar sobre a IA e as súas implicacións. A entrada á conferencia é libre e gratuíta ata completar o aforo da sala.

Foto portada: O profesor da Universidad de La Rioja e presentador do programa de divulgación científica de La2 de RTVE “Órbita Laika”, Eduardo Sáenz de Cabezón, imparte, este venres 19 de abril, ás 19:00 horas, en Exponav, unha conferencia sobre a Intelixencia Artificial (IA) e as súas implicacións. Imaxe cedida por Eduardo Sáenz de Cabezón.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario