A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da carreira por montaña polos montes de Viveiro Camovi – Gran Premio Xacobeo, que chegará á súa 13ª edición a vindeira fin de semana – sábado 20 e domingo 21 de abril –. A Administración galega patrocina un ano máis esta cita, organizada polo club deportivo Camovi.
A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, participou na presentación xunto co xefe do servizo de Deporte, Manuel Otero; a xefa da área de Turismo, Paloma Vázquez; o presidente da Camovi, Felipe Martínez; un dos organizadores da carreira, Horacio Albo; ademais de representantes doutras institucións implicadas no evento.
A carreira suma 900 inscritos nas distintas modalidades: distancias de 42, 21 e 10 quilómetros; carreira de remudas de 42 quilómetros; andaina e Camovi Kids, esta última para fomentar o deporte entre os nenos e nenas.
Barreiro subliñou a repercusión desta iniciativa «no só no eido deportivo senón tamén para seguir proxectando o concello de Viveiro e toda A Mariña como un escenario idóneo para o turismo de natureza e deporte».
Esta edición terá unha lembranza especial para o alpinista ourolense Ramón Blanco, falecido o ano pasado aos 90 anos de idade en Venezuela, onde residía. A organización renderalle unha homenaxe a este montañista que sempre mantivo estreitos vínculos coa súa terra natal e que se desprazou a Viveiro para correr na primeira Camovi e volveu participar en 2018, cando completou a distancia de 42 quilómetros con 85 anos.