Ameijide: “Tomé segue negándose, un mes despois, a cumprir a resolución da Valedora do Pobo e a permitir o acceso dos deputados do PP á nave de Begonte”

por Redacción Lugo

O voceiro popular explica que xa se rexistrou ata en tres ocasións a solicitude de entrada á nave que a Deputación ten no polígono de Begonte pero tanto socialistas como nacionalistas deben de ter algo que agochar nesta instalación ao seguir vetando o acceso aos deputados do PP

O goberno provincial que preside José Tomé continúa negando o acceso dos deputados do Grupo Popular á nave que a Deputación de Lugo ten no polígono de Begonte obviando a resolución que a Valedora do Pobo lle facía chegar fai un mes: que debe garantir a libre entrada dos deputados ás instalacións públicas da Deputación que son de atención directa á cidadanía e nas que non o son, como esta nave, bastaría unha sinxela comunicación previa, non sendo necesaria autorización.

Así, o Grupo Provincial Popular rexistraba fai dúas semanas unha nova comunicación dirixida ao presidente para que propuxera unha data ao longo da semana seguinte, é dicir, na semana pasada. “Pero neste tempo que consideramos suficiente para organizar a visita habilitando as medidas de seguridade que crean conveniente e designando o persoal que acompañe aos deputados populares de ser necesario”.

“As únicas explicacións posibles á falta de resposta do goberno provincial son: a soberbia de Tomé, de PSOE e BNG de querer levar a razón ou que PSOE e BNG teñen algo que ocultar, demostrando que a falta de transparencia é un sinal de identidade deste goberno”.

Os populares, cumprindo co seu labor de fiscalización do goberno provincial, queren visitar o recinto “para comprobar en que condicións se atopan as mesmas, así como que material e maquinaria albergan”; xa que “no seu exterior se poden ver restos de obras e incluso un catamarán retirado fai anos do río Miño”.

O voceiro popular recorda que “non é a primeira vez” que tentamos visitar estas instalacións no polígono de Carral, en Begonte, (xa se realizaron comunicacións para a súa visita o 24 de novembro de 2023 e 29 de febreiro de 2024) “pero José Tomé sempre vetou o acceso”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario