O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que a multinacional Altri pretende implantar en Palas de Rei

por Redacción Lugo

O BNG presentou na Xunta de Galiza as máis de 700 alegacións que se recolleron nas últimas xornadas en distintos postos informativos colocados na comarca de Lugo polo BNG, A deputada do BNG Montserrat Valcárcel, que estivo acompañada polo portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e cargos orgánicos e institucionais do BNG en Lugo, afirmou que «o proxecto que Altri pretende executar en Palas de Rei será unha bomba ambiental que perxudicará a toda Galiza, especialmente nunha comarca que destaca polo seu desenvolvemento agrario».

«O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega», explicou a deputada do BNG, que destacou que «a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza».

Montserrat Valcárcel resaltou que «non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía». O BNG considera o proxecto de Altri como «unha industria de enclave», «unha pasteira de grandes dimensións que vai levar a outros países a transformación da materia prima e que pon en perigo importantes sectores produtivos de Galiza», afirmou.

As alegacións presentadas reclaman á Xunta a non Autorización Ambiental Integrada, o rexeitamento do Estudo de Impacto Ambiental, a  non declaración de Utilidade Pública e o rexeitamento do proxecto promovido por Altri en Palas de Rei.

A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. As emisións contaminantes da fábrica chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade, e terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario