O PP de Vilalba reivindica “máis atención ao rural” ante o abandono por parte do bipartito dos servizos nas parroquias

por Redacción Lugo

Dende o PP condenan o «estado de abandono de moitos contedores das parroquias que están rotos ou sen tapas» e reclaman «contedores en boas condicións porque os veciños están pagando por un bo servizo»

Os concelleiros populares reivindican novamente maior atención ás parroquias do rural por parte do bipartito PSOE-Vilalba Aberta ante as queixas dos veciños de Román por varias deficiencias tanto no servizo de recollida do lixo como no estado das pistas municipais.

Os populares advirten do empeoramento do servizo de recollida do lixo poñendo como exemplo que “xa non van recoller o lixo preto dunha vivenda do barrio de Seivane, en Román, onde se retiraron contedores do lixo obrigando á xente do barrio a percorrer máis de medio quilómetro para botar o lixo cando antes dispoñía de contedores máis próximos”.

“O empeoramento do servizo apréciase tamén no estado de abandono de moitos contedores das parroquias que están rotos ou sen tapas e, polo tanto, xa non cumpren coa súa función e as bolsas do lixo rematan polo chan”, engaden. Nese sentido, reclaman “contedores en boas condicións porque os veciños están pagando por un bo servizo”.

“O estado das pistas tamén demostra o desprezo ás parroquias por parte deste goberno”, consideran ante o mal estado da pista municipal do barrio de Seivane, “chea de fochancas e co asfalto deteriorado”.

Os concelleiros do PP tamén piden o debido acondicionamento para unha pista que pasa por diante a casa doutro barrio desta mesma parroquia, en Fontemarín. “A pesar de que os veciños levan tempo solicitando o seu asfaltado continúa en mal estado, moi deteriorada e chea de terra; dificultando o acceso a unha vivenda e a unha gandería próxima”.

Servizos para o rural

“Cremos que é de xustiza garantir os servizos públicos de maneira digna a tódolos veciños do noso municipio, tanto aos do núcleo urbano coma aos do rural”, subliñan.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario