O Concello da Laracha mellora a rede viaria en núcleos das parroquias de Golmar e Soutullo

por Redacción A Coruña

O investimento total superará os 80.000 euros

Continuando co plan de conservación da rede viaria de titularidade municipal, o Concello da Laracha ten en fase de execución un proxecto que afecta a estradas de tres núcleos de poboación situados nas parroquias rurais de Golmar e Soutullo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Pública, Pablo Cambón, supervisaron hoxe a actuación que afecta á vía que comunica Groba (Golmar) co Vilar do Boi (Soutullo) acompañados polo responsable da empresa contratista, Construcciones Canarga S.L. As obras consisten na renovación do pavimento, o acondicionamento dos bordes da calzada e a sinalización horizontal para reforzar a seguridade ao longo dunha distancia de cincocentos metros. A previsión é que os traballos estean rematados ao longo do día de hoxe.

A próxima semana executarase outra das intervencións incluídas no proxecto, e que afecta ao núcleo de As Talladas (Golmar). Neste caso actuarase na estrada municipal que dá acceso desde ese lugar á DP-2404. Dotarase cunha nova capa á zona de rodadura, mellorarase a rede de recollida de pluviais, instalarase unha bionda de seguridade debido ao desnivel existente e culminarase coa sinalización.

O investimento entre ambas intervencións superará os 80.000 euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario