O Grupo Socialista esíxelle á conselleira do Medio Rural que pida perdón aos galegos e ás galegas e rectifique de inmediato

por Redacción Galicia

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Dacosta, esixiulle hoxe á conselleira do Medio Rural que rectifique “de inmediato” e pida perdón aos galegos e galegas polas súas declaracións sinalando que os lumes son «probablemente intencionados e van no ADN de Galicia”. A responsable socialista sinalan que as declaracións constitúen unha “explicación inaceptable” por parte de quen é responsable da xestión forestal.

Sinala que a conselleira debe de pedirlles desculpas a tódolos galegos e galegas que se senten insultados por estas declaracións desafortunadas, e sinaladamente aos milleiros de persoas vítimas desta lacra. Lamenta unhas declaracións que “denotan resignación e acomodamento na situación actual” e provocan “fonda preocupación” por que asuma “con naturalidade” que Galicia vai seguir ardendo “como manifestación endóxena das cualidades irrenunciables dos galegos e das galegas”.

Esíxelle á conselleira que explique se realmente cre nas súas declaracións “incendiarias” e se “considera que non paga a pena pararse a considerar os conceptos de xestión forestal, prevención ou abandono do rural se a fin de contas os nosos montes se ven expostos antes ou despois a días en que non chova ou haxa vento desfavorable”.

Sinala que “mal empeza a conselleira” se asume a súa xestión con “resignación e desleixo”, como ten amosado, e reclámalle que “deixe de buscar culpables externos e se poña a traballar canto antes para mudar un modelo de xestión forestal que se ten demostrado fracasado”. Reclama un modelo centrado na prevención e na configuración dun rural vivo, activo e en produción, que controla a biomasa e mantén unha paisaxe resiliente ao lume.

Apunta que o éxito da agricultura e da gandería e os lugares e aldeas habitados é un factor fundamental na protección do monte, polo que “parar a sangría de peches de explotacións e abandono do rural é a mellor prevención para o monte galego, máis que forzar limpezas a golpe de multas ou presión aos maiores do rural”.

Esixiulle que pare cos 15 anos de recortes nos recursos dos servizos de prevención e extinción de incendios para establecer un modelo de loita contra o lume “único, profesional, formado e equipado” e superar o modelo fracasado de brigadas sen medios nin recursos.

Advertiu ademais que as declaracións da conselleira sinalando que non lle chegara petición algunha de ampliar a contratación dos brigadistas denota “total descoñecemento” das reivindicacións formuladas tanto polos traballadores como polos socialistas galegos no Parlamento de Galicia reiteradamente, e ás que o PP ten votado en contra.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario