Besteiro reivindica o feminismo como «motor xerador de dereitos e liberdades» na entrega dos premios de Igualdade do PSdeG ás futbolistas Vero Boquete e Paula Dapena

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o feminismo como “motor xerador de dereitos e liberdades”, e criticou que a igualdade non figure entre as prioridades do goberno galego. Besteiro interveu hoxe na entrega dos V Premios de Igualdade “Maruja Vázquez Suárez” do PSdeG, que este ano recaeron nas futbolistas galegas Vero Boquete e Paula Dapena.

O responsable socialista fixo unha intervención defendendo o feminismo como “instrumento que sostén e impulsa o cambio de valores na sociedade”, e que ademais é un elemento vertebral do socialismo. Cando se conmemoran os 16 anos do primeiro goberno paritario da historia presidido polo socialista José Luis Rodríguez Zapatero, defendeu a presenza equilibrada das mulleres en tódolos ámbitos.

Criticou así que o goberno galego incumpra o mínimo fixado pola Lei de Paridade, xa que as consellerías dirixidas por mulleres son hoxe menos do 40 por cento do goberno, e púxolle o exemplo do goberno de Pedro Sánchez, no que as mulleres representan o 47,83 por cento e conta cun Ministerio específico.

Lamentou que a igualdade “non sexa unha prioridade para o novo goberno de Rueda”, que a deixa “sen Consellería propia, nin dirección xeral nin nada, senón que queda relegada e refundida nas políticas de benestar”.

Gómez Besteiro defendeu a igualdade como valor fundamental para o socialismo xa que, explicou, “non se pode ser socialista sen ser feminista, do mesmo xeito que non pode existir igualdade sen xustiza social para as mulleres, que son máis da metade da poboación”. Por iso esixiu presenza igualitaria das mulleres en tódolos ámbitos da poboación, e sinalou a “imprescindible transversalidade nas nosas propostas políticas de igualdade entre mulleres e homes”.

Apostou por facer de Galicia un “espazo libre de machismo e de violencia contra as mulleres, onde poidamos vivir en igualdade”, pasando “da igualdade formal á igualdade real e efectiva”. Fixo un chamado a erradicar a lacra da violencia de xénero, que xa provocou a morte de máis de 10 mulleres no que vai de ano, unha delas galega, especialmente “agora que temos que ver como aqueles que a negan teñen cabida en moitas institucións” da man do PP.

Premios

Gómez Besteiro interveu nun acto organizado polo PSdeG xunto coa secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, no que lle fixo entrega dos galardóns ás futbolistas galegas Vero Boquete, que enviou unha mensaxe dende Italia, onde está xogando coa Fiorentina, e a pontevedresa Paula Dapena. Salientou o seu compromiso social coa igualdade e pola súa traxectoria para “acabar coas barreiras” impostas ás mulleres no deporte e na sociedade.

Silvia Fraga tomou a palabra para subliñar a figura das dúas deportistas como representantes da “revolución feminista no fútbol protagonizada pola gran selección española de fútbol feminino” durante o ano pasado. Lembrou que “a maior parte dun país se revolveu, pero en contra do machismo” do lado “destas mulleres que marcaron un antes e un despois nun mundo masculinizado con regras inventadas por homes”.

Salientou o papel das futbolistas galegas, que “teñen dado a cara para defender a igualdade, converténdose en exemplos e referentes para moitas outras mulleres” na “loita imprescindible” contra “a caverna, o patriarcado, os machistas que se revolven porque se resisten a perder os seus privilexios”. Alertou fronte a “eses aos que lles deu alas o discurso negacionista e machista da estrema dereita coa colaboración necesaria do PP”.

Subliñou que “queda moito por loitar e por avanzar, moitos avances por pelexar, pero unidas o podemos conseguir, e somos nós as socialistas as que debemos pelexalo e conseguilo, coma sempre”.

Verónica Boquete Giadáns (Vero Boquete)

Nada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1987, é unha futbolista galega, que xoga como centrocampista e dianteira na Fiorentina, da Serie A de Italia.

Considerada como unha das mellores futbolistas españolas da historia, desenvolveu a súa carreira en máis dunha ducia de equipos de oito países e tres continentes. Foi a primeira española en gañar a Liga de Campións e a primeira en marcar nunha final. Foi tamén a primeira española finalista no Balón de Ouro e a única en ser elixida como a mellor xogadora da liga estadounidense. En 2020 foi elixida no once ideal do ano nos Premios The Best da FIFA.

Foi 56 veces internacional coa selección española absoluta, sendo a segunda máxima goleadora da súa historia, con 38 goles. Foi capitá da selección e liderou a esta na Copa do Mundo de Fútbol Feminino en 2015, o primeiro Mundial no que participou España. Tamén é a capitá da selección de Galicia.

No ano 2011 foi elixida como a mellor xogadora da WPS, máxima categoría do fútbol estadounidense, e foi galardoada co premio Gallegos del Año. No 2012, mentres militaba no Tyresö, foi galardoada como a mellor centrocampista da liga sueca. En 2013 foi finalista no Premio UEFA á Mellor Xogadora en Europa, rematando quinta, posición que repetiu ao ano seguinte, mentres que en 2015 foi cuarta. En 2014 foi ademais finalista no FIFA Balón de Ouro, quedando en oitava posición na votación, e nos Estados Unidos foi elixida segunda mellor xogadora da liga. En 2015 foi nomeada a mellor futbolista do ano pola BBC xunto a outras catro futbolistas. Ese mesmo ano a Xunta de Galicia concedeulle a medalla Castelao e o goberno de España condecorouna coa medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo. No 2016 recibiu en Ames o premio á mellor futbolista galega da tempada 2014/15.

No 2018 o Concello de Santiago de Compostela cambiou o nome do Estadio Multiusos de San Lázaro, pasando este a chamarse «Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro».

Dende febreiro de 2015 é embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino. Dende 2017 forma parte da comunidade de futbolistas CommonGoal, que loita a favor da reintegración social da infancia.

Vero Boquete que é sen dúbida unha das mellores xogadoras españolas de todos os tempos, ten afirmado sufrir a discriminación por ser muller desde pequena. Pois cando empezou a xogar ao fútbol había unha norma que impedía xogar ás nenas cos nenos, así que ela entrenaba regularmente cos seus compañeiros, ía aos partidos pero tiña que quedar no banco. Era moi pequena e non o entendía, resultáballe moi frustrante e isto marcouna.

Recibe o premio de Igualdade do PSdeG Maruja Vázquez Suárez por ser un exemplo e referente para moitas mulleres. Polo seu firme papel na defensa da igualdade entre mulleres e homes e pola súa constante denuncia das desigualdades e discriminacións por razón de sexo nun mundo marcadamente masculinizado como é o do fútbol.

Paula Dapena Sánchez

Paula Dapena Sánchez, futbolista galega nada en Pontevedra en novembro de 1996. Técnica en actividades físico deportivas, estudou Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo. Comezou a xogar en 2012 no Atlético Arousana. En 2014 fichou polo Sárdoma CF, e en 2016 polo Umia FC.

No ano 2020 fichou polo Viajes Interrías FF, de Portonovo (Sanxenxo), que xogaba no grupo 1A da Primeira Nacional.

Paula Dapena foi galardoada co Premio Cidade de Pontevedra 2020.

En novembro de 2020, nun partido amigable entre o seu equipo e o Deportivo da Coruña en Abegondo, negouse a homenaxear a Diego Armando Maradona, que falecera esa mesma semana. A orixe da súa negativa foi a consideración de que o chamamento á homenaxe se facía a un futbolista con comportamentos machistas e que, como tal, non debía recibir as homenaxes.

Dixo que se negaba a gardar ese minuto de silencio por un violador, pedófilo, puteiro e maltratador e que se tiña que sentarse no chan e dar as costas, pois facíao, e así foi! A Paula Dapena, feminista convencida, gustaríalle poder axudar desde a educación a lograr esa igualdade real entre mulleres e homes.

Recibe o Premio de Igualdade do PSdeG Maruja Vázquez Suárez polo seu compromiso e activismo feminista, pola súa valente condena a comportamentos machistas nun mundo que a apasiona, o do fútbol.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario