Formoso reafirma o compromiso da Deputación no apoio á atención as persoas con dano cerebral

por 21noticias.com

Formoso e García percorreron as instalacións na compaña da directora do centro, Rocío García Calvo; o secretario, Luciano Fernández, e Juan Martínez, membro do grupo de primeira persoa de Sarela. Durante a visita tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo os diferentes servizos que ofrece a entidade, como o de información, orientación e apoio a familias; o de atención especializada; o de atención diúrna terapéutica; o de mellora e mantemento da autonomía persoal e inclusión social; o de orientación laboral, ou a terapia acuática.

A Deputación vén contribuíndo de forma sostida ao mantemento da actividade de Sarela, a través dos seus programas de subvencións. No caso da deste ano, acadou os 34.000 euros. Nese senso, o presidente provincial destacou que, “pese a que a Deputación non ten as competencias na materia, sempre está atenta ás necesidades e ás demandas que poidan ter as entidades”. Así llo trasladou aos responsables de Sarela na reunión que mantiveron despois de que Formoso asinase no Libro de Ouro da entidade.

O apoio económico da Deputación contribúe a iniciativas coma a atención individual, que chega a 125 usuarios de Sarela; a realización de actividades dirixidas a familias, das que se benefician 55 persoas, ou accións de coordinación con servizos sociosanitarios, que implican a 120 profesionais.

As subvencións provinciais a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios forman parte dun programa máis amplo de axudas a cargo dos Servizos Sociais da Deputación, do que se benefician un total de 273 entidades.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario