O Ineltrón Santo Domingo volve sumar contra o CB Allariz

por Redacción Deportes

Era un partido de trámite pero os trámites hainos igualmente que traballar. O líder da Primeira Nacional recibía o pechacancelas do Grupo e o equipo betanceiro, que viña de perder dous partidos consecutivos despois dunha “racha” de 19-0, necesitaba sumar para seguir no alto da táboa. O CB Allariz conseguiu adiantarse cunha tripla aos poucos segundos do inicio, mais a partir de aí… O marcador ao remate do primeiro cuarto xa marcaba por onde ían ir os tiros: 28-12 para os locais cun Brezo con ganas de facer números. O descanso marcou un 53-25 e, a pesar duns bos minutos dos ourensáns, que parecían deter a “sangría” (21-19 no 3Q) o Santo volveu pisar o acelerador para poñer ese 101-57 final que vale para recuperar sensacións e volver pór as pilas. Poucas cousas negativas no balanzo dun partido en que se volveu reivindicar as aspiracións “a todo” do club betanceiro. Nas positivas, o gran papel anotador de Brezo, que rematou con 25 puntos, e o que parece, oxalá sexa así, a “recuperación” de Pepe Moreno tras a súa lesión: 21 tantos e 5/8 en triplas.

A próxima semana toca confirmar a mellora do equipo cun rival de meirande entidade. O Ineltrón Santo Domingo visitará a pista do Costa Ártabra de Ferrol. Unha vitoria alí certificaría virtualmente a presenza do equipo de Doc na Final a Catro da categoría a 3 xornadas para o final.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario