Xosé Regueira e Soledad Agra visitan en Délemont (Suiza) a exposición sobre a inmigración galega “Taxi – Compostela”

por Redacción Galicia

Dende a Deputación da Coruña estase a valorar a posibilidade de levar a Galiza este proxecto que rememora 60 anos da inmigración galega en Suiza

O vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, viaxaron ata Suiza para visitar na cidade de Délemont a exposición «Taxi – Compostela», no Museo du Xura. Alí reuníronse coa directora do museo Nathalie Fleury; o comisario e autor da exposición, o xornalista Antonio Rodríguez; o fotógrafo Pierre Montalvon; o Ministro Conselleiro da Embaixada de España en Berna, Francisco de Miguel, e o Conselleiro de Asuntos Científicos e Culturais da Embaixada Suíza para España e Andorra, Alberto Giovanetti.

Na xuntanza abordaron posibles vías de colaboración que lle permitan á Deputación levar a exposición á provincia da Coruña, resaltando o legado feminino na emigración, a conservación da lingua e a preservación histórica. «As mulleres tiveron un papel protagonista e fundamental, foron quen de construir unha nación, unha `matria´, e de facer país fora del», apuntou Soledad Agra, «deixando atrás os seus fogares e, en moitos casos ata ás súas crianzas, para darlle un presente e un futuro mellor, con moito traballo e sacrificio.»

Esta reunión supón unha colaboración transnacional e un compromiso da Deputación coa preservación da memoria histórica, tendendo unha ponte «entre dúas realidades xeográficas e culturais distantes pero unidas pola historia e as experiencias compartidas da emigración» engadiu Agra.


Esta mostra, que inclúe textos do xornalista Antonio Rodríguez, fotos de Pierre Montavon e vídeos de Aubin Hellot, fai un percorrido pola historia da inmigración galega dende a posguerra ata a crise do 2008 e a actualidade. «Taxi–Compostela» pode visitarse en Délemont, unha rexión situada na fronteira entre Suiza e Francia e «cuna» da inmigración galega en Suíza. Tamén alberga varios obxectos simbólicos cedidos por migrantes.

«A emigración da nosa provincia a Suiza e, máis concretamente, a esta zona, forma parte da nosa esencia e da nosa historia recente» apuntou Regueira. «E dende as administracións públicas debemos sacar peito de fitos como este que forman a nosa memoria colectiva». Neste sentido, sinalou, «esta exposición que amosa tan ben unha realidade de moitos galegos e galegas, é unha homenaxe a todas esas persoas que tiveron que deixar Galiza para formar un segundo país a partir da nosa idantidade aquí, nesta terra tan marabillosa».

Inaugurada en setembro de 2023 en Suíza, «agora é o momento de que viaxe ata Compostela e de que percorra todos eses lugares de orixe dos migrantes», apuntou o vicepresidente. Dende a Deputación buscarase, así «o xeito de achegar a exposición aos seus protagonistas».

Para Regueira e Agra, a importancia de que «Taxi-Compostela» chegue a Galicia radica na súa capacidade para dar voz e recoñecemento á vida dos emigrantes galegos, recuperar e preservar unha parte da memoria histórica da diáspora europea para as futuras xeracións e poñer en valor o papel fundamental que desempeñou a muller neste proceso migratorio, destacando a súa contribución á comunidade e o seu rol como piares fundamentais na preservación da cultura e a lingua.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario