O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo reclamou á Xunta de Galiza que abra o aparcadoiro do edificio administrativo da rolda da muralla ao público para, segundo declarou Rubén Arroxo «atallar a falta de prazas de estacionamento producido polo peche do aparcadoiro gratuíto da estación». Arroxo anunciou que o BNG enviará unha carta ao Delegado da Xunta en Lugo unha vez sexa nomeado, solicitando que esta instalación se abra «en horario de tarde, cando menos afecta á xornada habitual do persoal da Xunta de Galiza».
Rubén Arroxo destacou que «a Xunta de Galiza pode colaborar para reducir as molestias que produce unha obra como a renovación da estación do tren poñendo a disposición da veciñanza unha alternativa de estacionamento gratuíto», e afirmou que «a medida sería similar á xa posta en marcha polo Concello de Lugo no aparcadoiro do Seminario Menor, garantindo un número de prazas para o persoal, mais adicando o maior número posible ao estacionamento para toda a veciñanza»
Arroxo afirmou que o estacionamento da praza Conde de Fontao «é un dos estacionamentos gratuítos da cidade con maior demanda», e destacou que «a apertura deste estacionamento supuxo unha mellora importante tanto para as veciñas e veciños como para as persoas que traballan na zona».