Galiza Nova presenta a súa campaña para o Primeiro de maio, día internacional da clase traballadora.

por 21 Noticias

Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización: «A mocidade galega levamos anos sufrindo as consecuencias das políticas do sistema capitalista que nos obriga á emigración ou á precariedade, debemos tomar partido»

A organización xuvenil do BNG presentou hoxe a súa campaña de cara a este primeiro de maio coa que pretenden afondar na necesidade de sidicalización da mocidade galega e promover á Confederación Intersindical Galega, sindicato maioritario da Galiza, como o referente para facelo.

Tal e como sinalou Paulo Alonso, un dos responsábeis nacionais de Emprego, Vivenda e Servizos Públicos da organización «lanzamos esta campaña para concienciar á mocidade galega da importancia de sindicarse como unha ferramenta elemental para conquistar os dereitos laborais que o sistema nos nega».

Pola súa banda, Daniel Sussman, corresponsábel con Alonso acrecentou que «a campaña está polo tanto orientada á mocidade traballadora ou que está a piques de comezar a traballar, que saiban por que é importante a organización na CIG ou que facer para entrar no sindicato».

A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, denunciou que «a mocidade galega levamos anos sufrindo as consecuencias das políticas do sistema capitalista que nos obriga á emigración forzosa ou á precariedade máis absoluta.»

«É unha realidade que polo feito de ser mozas e mozos sufrimos maior temporalidade nos nosos contratos, temos soldos máis baixos e non podemos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país como nos gustaría» engadiu Gómez «por iso é importante que a mocidade coñeza a CIG e dea o paso a organizarse e avanzar polos nosos dereitos laborais tamén dende o sindicato. En moitas ocasións cando accedemos por primeira vez a un posto de traballo vémonos soas, desamparadas… o sistema aprovéitase e nós debemos plantarlle cara» sentenciou.

A campaña decorrerá durante as vindeiras semanas con actos en colaboración coa propia CIG onde a organización xuvenil falará desta necesidade. «Terá tamén unha parte enfocada nas redes sociais, onde a través de vídeos explicaremos estas cuestións que para nós son imprescindibles» explica Sussman, ao que Alonso engade «e tamén participaremos das mobilizacións que a CIG convoque para o primeiro de maio, apoiando ao sindicato e demostrando que a mocidade galega non calamos ante os dereitos que nos negan».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario