O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, cualificou hoxe de “engano” o anuncio do presidente da Xunta de onte das matrículas gratuítas. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta a primeira matrícula gratuíta nos estudos universitarios e de mestrado, seguindo e exemplo de Austria, Dinamarca, Finlandia, Noruega ou Suecia, e que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista sinalou que “o que o Consello da Xunta aprobou onte non foi a gratuidade das matrículas, senón unha nova fórmula de bolsa ao estudo” para os estudantes segundo o grao de aprobados. Desmentiu que o acordo anunciado onte sexa “a gratuidade do cen por cen do ensino dende a escola infantil ata a Universidade”, como prometeu Rueda en campaña, na investidura e onte no Consello da Xunta.
Explicou que a proposta aprobada onte “reproduce case a situación de Andalucía” dende 2017, pero excluíndo os mestrados que si están incluídos naquela Comunidade Autónoma. Pediulle ademais á Xunta “un esforzo cara ao estudantado que por diferentes razóns non foi quen de superar a materia na primeira convocatoria”, reducindo o custe da segunda matrícula de forma excepcional para que os suspensos non reiterados non supoñan un impedimento económico.
Ademais, sinalou que a proposta da Xunta impedirá actualizar os prezos públicos, xa que iso afectaría ao estudantado que non poida optar á matrícula gratuíta, co que “continúa na senda de deteriorar cada día máis os ingresos das universidades públicas galegas”. Os socialistas reclamaron a compensación económica ás universidades, que están a asumir a suba dos custes mentres a Xunta conxela e mesmo reduce os seus ingresos.
Memoria Democrática
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe o “xiro á ultradereita” do PP ao “asumir o branqueamento do franquismo imposto por Vox” nos gobernos autonómicos que comparten con aquela formación política. Alertou da “nova ofensiva baseada en consignas negacionistas de ‘hai que pasar páxina’, ‘non reabrir feridas’, ou revivindo a idea de equidistancia ‘todos fumos culpables’, ou equiparando os réximes democráticos cos totalitarios”.
Acusou ao goberno galego de aplicar a “política do avestruz” logo de ter “aniquilado dun plumazo” as políticas de memoria iniciadas polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño logo da chegada de Feijóo e Rajoy aos gobernos da Xunta e do Estado, respectivamente. Os dous presidentes reduciron estas políticas “a 0 euros”.
Castro reclamoulle ao goberno galego que deixe de “mirar para outro lado” e emprazou a “dar exemplo e poñer unha barreira aos radicalismos” dende Galicia, porque “o esquecemento non é opción para unha democracia”. Explicou que a aplicación da Lei de Memoria Democrática “responde ao deber moral de neutralizar o esquecemento e evitar a repetición dos episodios máis tráxicos da historia”.
A parlamentaria socialista lamentou o voto en contra do PP á proposición non de Lei coa que os socialistas galegos reclamáranlle hoxe ao goberno galego que cumprira coa Lei de Memoria e declarase o 31 de outubro como día de recordo e homenaxe a tódalas vítimas, e o 8 de maio como día de recordo e homenaxe ás vítimas do exilio como consecuencia da Guerra e a ditadura.
Contratos de pandemia
A portavoz de Transparencia e Calidade Democrática do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamou hoxe que sexa o Consello de Contas quen audite os contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia. Iglesias presentou unha emenda á proposta do BNG que pedía unha auditoría externa, e que non permitiron incluír na iniciativa que se votou finalmente, polo que os socialistas galegos se abstiveron.
A responsable socialista explicou que debe ser o ente fiscalizador público quen se encargue de auditar a actuación do goberno galego, continuando co traballo que realizou correspondente aos anos 2020 e 2021. Pediulle que afonde “nas irregularidades detectadas, nos riscos de conflitos de intereses e na concentración de empresas sobre as contratacións de emerxencia efectuadas polo sector público autonómico como consecuencia da pandemia derivada da Covid-19”.
Iglesias salienta que é “unha realidade” que “fallaron os controis e a detección de conflitos de intereses, que houbo irregularidades e moita falta de transparencia” nos contratos relacionados coa Covid – 19. Así o constatou o Consello de Contas nos seus informes, enumerando un listado de deficiencias que pasa pola falla de memorias xustificativas, falla de concorrencia, non comprobación da aptitude do adxudicatario, contratacións verbais ou sen publicidade.
A listaxe de irregularidades continúa con desfases temporais de máis de un mes entre a licitación e a adxudicación, incorporación como gastos Covid de compras realizadas antes da declaración da pandemia, ou a concentración de empresas beneficiarias. Segundo este documento, en 2020 a metade dos máis de 80 millóns de euros adxudicados se reparten entre 11 empresas e, en 2021, 2 de cada 3 euros contratados mediante emerxencia son repartidos entre 4 empresas.
Lembra ademais que a día de hoxe “descoñecemos que foi dos 159 millóns de euros de fondos covid para sanidade enviados polo goberno central a Galicia”, dos que “o único que sabemos de certo é que non foron dedicados á Sanidade”. Patricia Iglesias subliñou que “os galegos e as galegas merecen un goberno que exerza con transparencia e ética pública e que asuma responsabilidades políticas”.