O escritor e profesor da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro, dará lectura ao discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro
Anxo Angueira Viturro (Dodro, 1961) ingresará na Real Academia Galega como membro de número este sábado, 27 de abril, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no auditorio municipal de Padrón a partir das 12:00 horas. O profesor da Universidade de Vigo e escritor, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, pronunciará o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Chus Pato.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. A sesión, organizada co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Padrón, poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.
Anxo Angueira Viturro é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.
Como investigador e ensaísta, cómpre destacar tamén, entre as achegas sobre distintos autores, os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).
Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía, ao que lle seguiron os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.
O académico electo compaxina a súa faceta literaria e investigadora cun intenso labor como activista cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.