A Base de Resposta Humanitaria de Emerxencias da ONU en Italia acolle o último simulacro do proxecto COVALEX que coordina a UDC

O escenario elixido para este exercicio, no que se inclúen diversos riscos químicos, biolóxicos, radiolóxicos e nucleares (CBRN) para o conxunto da poboación, forma parte dunha rede mundial de bases loxísticas humanitarias desde as que se traballa en caso de desastres naturais ou emerxencias completas aumentando a capacidade de resposta da comunidade humanitaria internacional.

A Base de Resposta Humanitaria de Emerxencias das Nacións Unidas (UNHRD), xestionada polo Programa Mundial de Alimentos (PMA) e situada en Bríndisi (Italia), acolle, este xoves 12 e venres 13 de decembro, o último simulacro do proxecto europeo Comumunityof Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards(COVALEX) que coordina a Universidade da Coruña (UDC), baixo o liderado da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Sonia Zaragoza.

​O escenario elixido para este exercicio, no que se inclúen diversos riscos químicos, biolóxicos, radiolóxicos e nucleares (CBRN) para o conxunto da poboación, forma parte dunha rede mundial de cinco bases loxísticas humanitarias situadas, ademais de en Bríndisi (Italia), en Accra (Ghana), en Dubái (Emiratos Árabes Unidos), na Cidade de Panamá (Panamá) e en KualaLumpur (Malasia). A súa función é a de asistir ás poboacións afectadas por desastres naturais ou emerxencias complexas aumentando a capacidade de resposta da comunidade humanitaria internacional. 

​O programa desta xornada de traballo, organizada pola Asociación da Cruz Vermella de Italia, inclúe tamén varios obradoiros sobre o risco ambiental dos incendios forestais, o risco físico e ambiental das municións sen detonar ou a contaminación marítima, así como un debate aberto sobre a comunicación e cooperación transfronteiriza e unha conferencia que sentará as bases do informe final de resultados do proxecto europeo COVALEX. 

Ao longo destes dous días, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza, estará acompañada por persoal da Universidade da Coruña (UDC), polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA 112), Marcos Araújo, e máis pola concelleira de Mobilidade e Seguridade, María del Carmen Pieltain. 

Unha proposta de guía de boas prácticas elaborada desde o Campus Industrial de Ferrol

​A rotura da parede da Presa do Rei e o conseguinte desbordamento do Río Xuvia, o rescate de dúas persoas arrastradas pola corrente nas inmediacións do paseo fluvial e a caída dun autobús escolar na ensedada da Gándara foron os tres simulacros propostos polo proxecto europeo COVALEX para analizar a capacidade de resposta dos equipos de emerxencias da comarca de Ferrolterra o pasado 9 de abril. Colaboraron nestes exercicios, osintegrantes de Protección Civil de Narón e de Ferrol, da Policía Local de Narón, da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA 112), da Cruz Vermella, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), de Salvamento Marítimo e do 061. 

​A primeira análise de todo o acontecido durante estes tres simulacros realizárona, nun hackathon express, un total de 56 estudantes do máster en Prevencións de Riscos Laborais e Riscos Comúns e do máster en Enxeñaría Industrial, titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias do Traballo e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), respectivamente.

​Pouco tempo despois, a experiencia e coñecemento adquirido no marco destes tres exercicios permitiu que o profesorado da Universidade da Coruña (UDC) implicado neste proxecto europeo presentase unha guía de boas prácticas en emerxencias vinculadas a fenómenos hidrometereolóxicos e multi-risco. Nese texto, ínstase ás autoridades competentes a pór en marchanormativas europeas que sirvan de paraugas ás leis xa existentes a nivel nacional, así como a impartir formación de calidade tanto ás persoas que integran os equipos de emerxencias como á poboación en xeral. 

Nesta mesma liña, a proposta de guía de boas prácticas elaborada desde o Campus Industrial de Ferrol pon enriba da mesa a creación dun “Día das Emerxencias” a nivel europeo. A maiores, o documento tamén recalca a necesidade de apostar polo deseño de infraestruturas resilientes en zonas expostas a fenómenos naturais adversos.

Unha rede europea de persoas expertas coordinada pola Universidade da Coruña

Reforzar a cooperación europea en materia de protección civil e prevención de catástrofes promovendo a posta en marcha dun sistema de gobernanza baseado en probas científicas. Este é o obxectivo do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological andTechnological Multi-Hazards (COVALEX) nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, e liderado pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Sonia Zaragoza. 

Establecer unha comunidade ampla e común de persoas expertas sobre a experiencia, a cobertura xeográfica e as diversas redes sectoriais en materia de fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco. Esta é a principal liña de traballo que está a desenvolver o persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, institución que coordina o proxecto europeo COVALEXxunto con persoas expertas da NALAS – Rede de Asociacións Nacionais de Autoridades Locais de Europa Sudoriental de Francia, da Rede de Competencia de Desastres de Austria, da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia, así como da Fundación CIMA e da Asociación da Cruz Vermella de Italia. 

O proxecto europeo COVALEX está financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Operacións de Axuda Humanitaria Europeas (DC ECHO), un departamento da Comisión Europea que se encarga da xestión da protección civil na Unión Europea e da axuda humanitaria no estranxeiro. Conta cun orzamento total de 774.359 euros distribuído entre os cinco socios que integran o consorcio. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 220.741 euros para liderar e coordinar este proxecto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios