O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin á oposición máis sucia da democracia”

por Redacción Nacional

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos alcaldes de Lugo, Ourense, Castro de Rei, Pedrafita, Viveiro ou Pol e ela mesma como vicepresidenta da Deputación

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á liña política que os está convertendo na “oposición máis sucia da historia da democracia”. Así o dixo logo da decisión do presidente do goberno de parar coa axenda pública pola campaña de “xogo sucio” que “intenta conseguir pola vía das denuncias falsas e os ataques ás familias o que non consegue nas urnas”.

Méndez acusou ao líder do PP de levar a España as “manobras políticas do seu partido para acabar coa vida política dos seus rivais” que antes despregou en Galicia. Lembrou a súa chegada á Xunta sobre unha campaña de desprestixio baseada nos coches oficiais, as cadeiras ou ataques persoais ao que daquela era vicepresidente da Xunta, que non rematou senón que agravou para quitar do medio a quen era secretario xeral e candidato á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro.

Lembrou que o de novo líder dos socialistas galegos pasou 8 anos apartado da vida política logo de ser acusado inxustamente por Feijóo “utilizando como testaferros a directivos do PP e supostos anónimos”. Citou o seu paso particular, cando pasou “10 horas nun calabozo” por esas prácticas nas que “sofren a persoa, o entorno persoal e familiar, pero tamén a política, as institucións e os territorios”, como foron Lugo cidade, a provincia e toda Galicia.

Citou polo nome de pila aos alcaldes de Castro de Rei, Pedrafita, Viveiro ou Pol, todos eles afectados por causas que quedaron en nada, como foi tamén o caso do ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, que “pasou de ser o alcalde máis valorado de Galicia a ter que marchar pensando no ben común e no interese común”, ou Francisco Rodríguez, que cando era alcalde de Ourense “tivo que marchar por falsas imputacións”.

A responsable socialista dixo que “basta xa” e que “en política non todo vale” logo de advertir que “a mentira e o acoso sempre pasan factura, e pódense volver contra el”, sinalando ao líder do PP, porque “España no é así, Galicia non é así, a cidadanía non é así”. Esixiu “gañar a confianza da xente con argumentos e proxectos e non con insultos, falsidades, inxurias e a persecución que está a facer o PP”.

Méndez recoñeceu que o de hoxe é un “día agrio” logo da carta aberta á cidadanía na que o presidente do goberno anunciaba onte que tomaba uns días sen axenda polo acoso á súa familia, no que é, dixo, “unha reivindicación en toda regra da política limpa”. Advertiu que por moito que “esteamos afeitos á radicalización da dereita, aos insultos e ataques á familia do presidente”, en realidade é unha “política rastreira e moi perigosa que pon en cuestión á propia democracia”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario