Na xornada presentáronse tamén as últimas novidades en materia de formación e colaboración, tales como os doutoramentos industriais ou as microcredenciais como novo modelo de formación permanente.
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiu hoxe a Xornada de Cátedras e Aulas Institucionais da Universidade da Coruña, nun acto no que se fixo balance dos traballos realizados ao abeiro das 27 cátedras que na actualidade se están desenvolvendo na UDC, así como dunha aula institucional, e das outras dúas cátedras que están a piques de iniciar a súa actividade.
Ricardo Cao abriu a xornada presentando aos compoñentes da mesa, formada por Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia, Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, e Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.
Era Ares quen abría a quenda de intervencións, destacando a importancia que teñen para o Campus Industrial de Ferrol as sete cátedras que nel se están levando a cabo, desde a máis antiga iniciada na UDC, a Cátedra Jorge Juan, posta en marcha en colaboración coa Armada hai xa trinta anos, ata as máis recentes, nadas no ano 2022. A vicerreitora agradeceu “a empresas e institucións colaboradoras o seu interese e dispoñibilidade en traballar man a man coa Universidade da Coruña”, ao tempo que invitaba a aquelas empresas que poidan estar interesadas en colaborar con este modelo de transferencia de coñecemento.
Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia, destacaba que “esta é unha xornada orientada ao agradecemento, ás empresas, e institucións; e tamén aos seus predecesores, o anterior equipo de goberno, do cal herdamos este importante patrimonio materializado no crecemento do número de cátedras asinadas nos últimos anos”.
Puertas deu paso a Susana Ladra, adxunta de Transferencia da UDC, quen presentou de xeito breve todas as cátedras e aulas institucionais, as actividades e proxectos que se están a levar a cabo dentro deste marco de colaboración, e as posibilidades que poden ofrecer ás empresas e institucións. A adxunta de transferencia destacou que, “se estas fórmulas teñen este crecemento exponencial, é porque supoñen unha iniciativa de éxito e gran utilidade para as empresas e tamén para a sociedade en xeral”.
Durante a súa presentación, Ladra falou tamén dos novos formatos de aportación de talento desde a universidade á empresa, como son os doutoramentos industriais, onde os estudantes de doutoramento poden integrarse nas organizacións ou noutras institucións durante un mínimo de 18 meses e participar nun proxecto de investigación industrial. Estes formatos contan ademais con posibilidades de financiamento por parte de axudas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Axencia Estatal de Investigación, e da GAIN a nivel autonómico.
Na súa quenda de palabra, o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, resaltou que “a formación permanente ao longo da vida é unha prioridade da Unión Europea e, como tal, é asumida pola UDC. As cátedras de empresa ou institucionais son un activo valiosísimo da UDC, onde consideramos as empresas e institucións que as promoven como socios prioritarios, cos que levamos tempo apoiando a investigación aplicada e realizando transferencia en beneficio da mellora do coñecemento no sector produtivo”.
Canle presentou o concepto de “microcredenciais” como novos formatos de formación permanente, que pretenden fomentar a empregabilidade e mellorar a adaptabilidade aos rápidos cambios sociais aos que estamos sometidos. Este novo formato formativo xa se está a desenvolver na UDC como proxecto piloto dentro do marco da Cátedra da Fundación INADE.
A xornada continuaba coa presentación de cinco experiencias de Cátedra, expostas polas direccións académicas das mesmas xunto con representantes das empresas coas que se están a desenvolver: a Cátedra Hijos de Rivera en Desenvolvemento Sostible, a Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética, a Cátedra Emalcsa-UDC, a Cátedra Ghenova-UDC e a Cátedra Aldaba-WIB. Está previsto que en vindeiras xornadas, outras empresas teñan a oportunidade de dar a coñecer as súas iniciativas desenvolvidas baixo o paraugas desde modelo colaborativo.
A continuación da quenda de presentacións, o presidente do Consello Social, Antonio Abril, que se incorporaba ao longo da xornada, destacaba a importancia de que a investigación realizada na universidade sexa transferible á sociedade. Para iso, explicou, “é precisa unha maior colaboración entre ambas partes”, un eido no que hai importantes avances, pero no que é preciso seguir traballando, dado que “acadar mellores indicadores nesa transferencia de coñecementos precisa da suma de todos”.
E xa para rematar a xornada, o reitor da UDC, Ricardo Cao, pechou o acto, resaltando a importancia das cátedras e aulas institucionais “polo seu papel dinamizador na transferencia de coñecemento, na investigación aplicada nos diferentes sectores produtivos á vez que favorecen a interrelación dos distintos axentes sociais e propician a cooperación entre as distintas áreas de coñecemento e a formación de equipos”.