O PSdeG esíxelle a Feijóo que pare coa «deriva antidemocrática» e empraza a Rueda a apartarse do «vergoñento argumentario de Génova»

por Redacción Galicia

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas, calumnias, deslexitimación de gobernos de progreso e deshumanización do adversario político”. A responsable socialista dirixiuse ao presidente da Xunta para reclamarlle que “non se sume ao vergoñento argumentario elaborado dende Génova”.

Silva puntualizou que “é o momento acaído” para que Rueda demostre que “cre nos valores democráticos” e que o “sentidiño” do que presume “sexa certamente a ruta pola que transcorre o debate das ideas, dos proxectos políticos e das propostas”. Sinalou que “os galegos e as galegas nos merecemos un presidente que se opoña á deriva que se vive no PP” porque “nos estamos xogando a democracia”.

Dirixiuse tamén ao líder do PP e ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo, para esixirlle que “pare esta deriva” porque “non pode continuar bombardeando a verdade, a democracia, o Estado de Dereito, o respecto político e as regras de xogo institucionais”. Lembrou que os gobernos “confórmanse nos parlamentos e cos votos maioritarios dos parlamentarios, e vostede non o conseguiu”.

Así o dixo nunha comparecencia pública acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a parlamentaria autonómica e concelleira Elena Espinosa, o secretario provincial David Regades e numerosos cargos públicos e orgánicos e simpatizantes socialistas. Silva apuntou que os socialistas galegos viaxarán mañá a Madrid tanto para participar na Comisión Executiva Federal como na mobilización convocada na sede socialista.

A responsable socialista trasladou o apoio ao presidente do goberno, sinalando que “entendemos a súa dor e as súas dúbidas”, e pediulle “que non renuncie, porque non poden gañar os que están dispostos a dinamitar os valores do Estado Social e Democrático de Dereito”.

Actuación intolerable

Carmela Silva advertiu que “chegou o momento de denunciar con claridade, sen equidistancia, o que está a ocorrer e poñer freo a esta forma intolerable de actuar” da dereita, que emprega ao poder xudicial para “aceptar denuncias falsas baseadas en bulos prefabricados e incluso desmentidos con datos obxectivos”.

Apuntou a unha estratexia “promovida, deseñada, orquestrada e organizada” pola ultradereita e un PP que “non asume a lexitimidade dos gobernos se non son eles os que gobernan”. Sinalou que “é necesario que a cidadanía saiba que o obxectivo é tumbar gobernos democráticos”, nunha “estratexia premeditada” que parte de “despachos non moi afastados da dereita de Feijóo e a ultradereita de Abascal”.

A dirixente socialista apuntou que este modus operandi non é orixinal de España, e que os “bulos, ameazas, calumnias, deslexitimación dos gobernos de progreso e deshumanización do adversario político ocorre en tódolos países onde non gobernan a dereita ou a ultraderita”. Subliñou que “non é a primeira vez que ocorre no noso país, pero nunca con tanta insidia, dureza e incluso crueldade”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario