A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña organiza este xoves na Aula Náutica da UDC (Dique de Abrigo, Pedro Barrié de la Maza, s/n, A Coruña) en horario de 10:00 a 14:00 horas, as primeiras Olimpíadas de Salvamento Marítimo da UDC. A Escola organiza este evento con obxectivo de fomentar coñecementos teóricos e prácticos no ámbito da seguridade marítima e conseguir unha maior conciencia social entre os profesionais do sector.
Un total de sete equipos competirán na realización dunha serie de probas relacionadas coas prácticas de seguridade marítima: poñer o traxe de supervivencia nun tempo máximo de 2 minutos, proba a nado de relevos con traxe de supervivencia, volteo e arrastre de balsa salvavidas, lanzamento de sisga, e manexo de embarcación de rescate.
O equipo gañador será aquel que realice os cinco exercicios no menor tempo posible. A supervisión correrá a cargo dos profesores das materias de Seguridade Marítima do Grao en Máquinas Navais e do Grao en Náutica e Transporte Marítimo. Tamén se contará co apoio da Cruz Vermella.
O equipo gañador será comunicado ao finalizar as probas e obterá un premio de 150 euros.