Belén do Campo reivindica que a creación de xulgados de violencia sobre a muller na Coruña e Vigo non sexa a costa dos de instrución

A representante do Goberno autonómico destacou o compromiso da Xunta para apoiar o labor dos profesionais da Xustiza e a súa aposta por unha xustiza con infraestruturas máis seguras, modernas, accesibles e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios xudiciais respondan mellor as súas funcións.

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración das IX Xornadas de Dereito de Familia, organizadas polo  Ilustre Colexio Provincial de Abogados da Coruña e ao Consello da Avogacía Galega. Durante a súa intervención incidiu no compromiso permanente da Xunta de colaboración cos distintos operadores xurídicos e a importancia de apoiar o labor dos profesionais da xustiza. Ademais, destacou a calidade e preparación dos ponentes que compartirán o seu coñecemento ao longo destas xornadas. 

A novena edición destas xornadas congregará máis dun cento de profesionais da avogacía de toda España para abordar e actualizar os coñecementos sobre asuntos vinculados ao dereito de familia como a nova Lei de Familia, as situacións de urxencia no ámbito familiar, a globalización, as pensións alimenticias, a análise da violencia de xénero dentro do ámbito familiar, o coidado das persoas maiores e dar a coñecer a evolución da xurisprudencia a través das últimas sentenzas do Tribunal Supremo en materia de familia, discapacidade e filiación.

Na súa intervención a delegada referiuse a algunhas das medidas postas en marcha polo Goberno galego para ofrecer uns mellores servizos xudiciais como as salas Gesell que xa implantaron en case a totalidade das cidades galegas e nalgunhas subdireccións do Imelga. Trátase de salas de espera ou entrevistas, especialmente acondicionadas, co obxectivo de garantir a protección e privacidade das vítimas -sobre todo nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables- durante a práctica de probas ou a toma de declaracións. Ademais, nestes espazos amables preténdese xerar un ambiente de confianza. Segundo sinalou  Belén do Campo, “a reforma destas salas xa está implatada  na Coruña, en Santiago de Compostela e en Pontevedra, e está prevista tamén nas de Lugo, Ourense e Vigo”.

Neste senso, Belén do Campo lembrou que no Consello de Xunta aprobouse recentemente que Ferrol contará tamén, este ano, coa primeira sala galega de atención vítimas especialmente vulnerables externa aos edificios xudiciais. O novo espazo ten como obxectivo crear unha contorna amigable que posibilite a atención integral a estas vítimas. A iniciativa nace como proxecto piloto coa vontade de estenderse ao resto das cidades galegas, que xa contan con estas instalacións, coñecidas como salas Gesell, integradas en edificios xudiciais.

Belén do Campo destacou a aposta da Xunta por “unha xustiza con infraestruturas máis modernas para que, de maneira progresiva, os edificios xudiciais respondan mellor ás súas funcións, sendo máis seguros, accesibles e sostibles”. Na súa intervención aproveitou para agradecer aos xuristas e profesionais o seu traballo no mundo do dereito de familia.

Xulgados Violencia sobre a Muller

A representante do Goberno autonómico referiuse tamén ao anuncio do Goberno central de crear dous novos xulgados comarcalizados de Violencia sobre a Muller en Santiago e Ourense, que se unen aos xa existentes na Coruña e Vigo pero lamentou que a súa proposta para crear dúas novas unidades na A Coruña e Vigo implique a transformación de prazas de Instrución en prazas de Violencia sobre a Muller.

Neste senso, “facemos un chamamento ao Goberno central para que a creación destas novas unidades xudiciais, nas dúas primeiras cidades de Galicia, non sexa a costa dos xulgados de instrución porque isto afectaría á carga de traballo que xa teñen estas unidades xudiciais”. “Nestes momentos pechar xulgados de instrución non é a solución e así llo transmitiremos ao Goberno central”, subliñou. Ademais, reclamou xulgados de Violencia sobre a Muller tamén para Lugo, Pontevedra e Ferrol a vista dos últimos datos sobre os  xuzgados galegos que recibiron en 2024, un total de 7.602 denuncias por violencia de xénero, un 1,6% máis ca o ano anterior.

Pola tarde, o director xeral de Loita contra Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou neste foro cunha ponencia sobre violencia de xénero no primeiro cuarto de século: prevención, protección e castigo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios