O mal estado de moitas das estradas da rede da Deputación é un feito que poden comprobar a diario tódolos lucenses. É tamén o caso dos sarriaos e sarriás que nos seus desprazamentos teñen que sufrir a degradación do pavimento e a existencia de grandes buratos nas vías que están tamén desfeitas polas marxes pola acción dos vehículos e a falta de mantemento.
É por iso polo que o Grupo Provincial Popular volve insistir ao goberno de PSOE e BNG na necesidade de manter en bo estado de conservación para garantir a seguridade nas vías da Deputación na provincia e, neste caso, concretamente ao seu paso polo municipio de Sarria.
A viceportavoz e voceira municipal do PP en Sarria, Carmen José López, subliña que “o mal estado das estradas que son competencia da Deputación causa malestar entre os veciños e veciñas porque afecta aos seus desprazamentos e actividade diaria”.
López pon como exemplo o deterioro que sofre a estrada LU-P-5705 que comunica con Escarlán e San Martiño da Torre, a LU-P-5713 que pasa por Piñeira ou a LU-P-4303 que vai ao alto do Páramo “e que xa temos reclamado formalmente ante o pleno da Deputación de Lugo sen que o goberno provincial lle dera solución”.
Os populares insisten en demandar actuacións de reparación de forma inmediata e a posterior mellora das vías e das súas marxes, así coma un bo mantemento periódico de toda a rede provincial.
SEGURIDADE E DESENVOLVEMENTO
A vicevoceira do Grupo Popular considera que “o mantemento da rede viaria provincial é fundamental para garantir a seguridade dos veciños e visitantes e favorecer o desenvolvemento de todo o territorio”. E, ademais, lembra que “as estradas é unha das competencias propias da Deputación de Lugo que o goberno de PSOE e BNG abandona, igual que a conservación do seu patrimonio ou a cooperación con tódolos Concellos da provincia”.