O PP pide “cubrir a totalidade da plantilla da Policía Local en Burela con 10 efectivos e crear a quenda de noite”

por Redacción Lugo

Os populares dan a benvida aos novos axentes que prestarán servizo en Burela, pero lémbranlle á alcaldesa que «continúa habendo prazas vacantes»

O Grupo Municipal Popular insiste en solicitar ao goberno local incorporar os efectivos para cubrir a totalidade da plantilla da Policía Local que en Burela podería ser de 10 efectivos. 

Así o manifestan os concelleiros populares tras “as congratulacións da alcaldesa por contar con dous axentes máis na nosa vila”; algo que “dende o PP levamos demandando ao longo do mandato anterior e que, por fin, despois de moito insistir se leva a cabo”. Nese sentido, trasladan a súa benvida aos axentes que pasarán a prestar servizo na nosa vila.

Con todo, os populares lembran que “a pesar de que se anunciou unha praza de oficial de Policía Local máis, a plantilla contará co mesmo número de efectivos (8) porque, ao tratarse dunha praza de promoción interna, un dos axentes que xa prestan servizo na actualidade pasaría a ser oficial”.

Os populares sinalan que “non sabemos cando se cubrirán as prazas vacantes que son moi necesarias para crear a quenda de noite coa que ofrecer aos veciños a seguridade que demandan”. 

MESA DE SEGURIDADE LOCAL

Precisamente, interesados por mellorar a seguridade en Burela, os concelleiros do PP solicitaron no último pleno da corporación que “a alcaldesa convoque canto antes a Mesa de Seguridade Local coa participación dos distintos grupos da corporación municipal para analizar a problemática que se está a vivir ultimamente en Burela e tratar de aportar posibles solucións”. Pero, polo de agora, “a alcaldesa non deu resposta á nosa proposta, o que nos fai pensar que non lle preocupa o asunto”.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario