O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro, participou esta tarde na gala dos XI Premios Juan Mayorga das Artes Escénicas, celebrada no Teatro Colón. Estes galardóns, cuxo desenvolvemento na cidade é promovido polo Goberno de Inés Rey, recoñecen o traballo do teatro afeccionado a nivel nacional e foron creados por Escenamateur e a Confederación Nacional de Teatro Amateur. Nesta edición, e grazas á colaboración do Concello da Coruña, a organización do evento recaeu na Federación Teatral Afeccionada de Galicia, FeteaGal.
“As artes escénicas son unha parte imprescindible da programación cultural que promove nesta cidade o Goberno da nosa alcaldesa, Inés Rey, coa presenza das máis importantes representacións neste teatro ou de ciclos de recoñecido prestixio como o Principal do Rosalía de Castro”, indicou Gonzalo Castro, que foi o encargado de entregar os premios ‘Sello de Calidad Escenamateur’ e ‘Nuevos Sellos de Calidad’.
Na gala entregáronse un total de 17 galardóns e nela participaron personaxes relevantes das artes escénicas a nivel nacional, ademais de contar coa presenza de Juan Mayorga, dramaturgo e padriño destes premios, que recibiu no 2022 o Princesa de Asturias das Letras. “Esta é unha aposta pola cultura de base, acollendo por primeira vez na nosa cidade os premios de teatro afeccionado máis importantes de España”, sinalou Castro.
O evento contou cun fío condutor relacionado co mar, ao desenvolverse este ano na Coruña, e tivo diferentes actuacións musicais e actorais, coa presenza, entre outros, de Xurxo Souto, Luces de Bohemia ou Maghua.
Lista de gañadores e gañadoras
- Mellor actor de reparto: Hamlet, de Suc de Teatre – La Tarumba (Comunidade Valenciana) . Salva Carreres
- Mellor actriz de reparto: La Visita, de Carpe Diem (Castela A Mancha) – Mercedes González
- Mellor fotografía: La Visita, de Carpe Diem (Castela A Mancha)
- Mellor cartel: La Visita, de Carpe Diem (Castela A Mancha)
- Mellor espectáculo internacional: Taro, the dragon boy (Kingdom Theatre – Canadá)
- Premio a prol do teatro amateur: Jesús Ricardo Martín
- Mellor difusión teatral: Salón Internacional del Libro Teatral
- Premio ‘Sello de Calidad Escenamateur’: Festival de Teatro Amateur de Alegría Dulantzi (Euskadi)
- Mellor escenografía: La Visita, de Carpe Diem (Castela A Mancha) – Miguel Ángel Berlanga
- Mellor vestiario: 1789, de Teatro En La Chácena (Navarra) – Laura Montes
- Mellor iluminación: El CAballero de las Espuelas de Oro, de Maliayo (Asturias) – Manuel Valiente
- Mellor autoría: MAdrid 19-67, De Paraskenia (Castela A Mancha) – Roberto Jifer
- Mellor dirección: 1789, De Teatro En La Chácena (Navarra) – Josune Iglesias
- Mellor actor protagonista: Hamlet, de Suc De Teatre – La Tarumba (Comunidade Valenciana) . Jorge García
- Mellor actriz protagonista: Madrid 19-67, de Paraskenia (Castela A Mancha) – Prado Amor
- Mellor espectáculo infantil: Cuento de Navidad, de Keko Teatro (Murcia)
- Mellor espectáculo xeral: 1789, De TEatro En La Chácena (Navarra)