A UDC celebra o Día das Letras Galegas 2024 coa publicación dun ensaio de Luísa Villalta e a lectura dos seus poemas

por Redacción A Coruña

No acto conmemorativo, presentouse a obra, case inédita, de Luísa Villalta “Por que os homes non nos len?”,que ven de ser editada pola UDC

A Universidade da Coruña celebrou hoxe no Paraninfo da Reitoría o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta. O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e acolleu a presentación dunha publicación da UDC de “Por que os homes non nos len?”, un texto case inédito da escritora coruñesa, que non formaba parte de antoloxías publicadas ata o de agora.

Ricardo Cao amosou o seu orgullo por “poder achegar a figura de Luísa Villalta a través deste artigo-ensaio bastante descoñecido ata o momento. Unha reflexión profunda sobre cuestións tan de actualidade como a pluralidade de xénero ou a feminidade. Sen dúbida, un texto que nos leva a ter unha visión máis ampla”. O reitor agradeceu tamén á profesora da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa, Mª Pilar García Negro, polas súas achegas e a elaboración do limiar desta nova publicación da UDC.

Ao evento, conducido pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, quen deu paso á lecturas de poemas por parte de alumnado e profesorado de centros educativos da Coruña e Sada, a última localidade onde impartiu docencia Luísa Villalta, asistiu tamén persoal da UDC e membros do equipo de Goberno da Universidade.

Os centros participantes no acto foron o Centro de Educación de Infantil e Primaria Alborada, o Centro de Educación de Infantil e Primaria Wenceslado Fernández Flórez, o Centro de Educación de Infantil e Primaria San Francisco Javier, o Centro de Educación Nosa Señora de Rosario, o Instituto de Educación Secundaria Fernando Wirtz Suárez, o Instituto de Educación Secundaria Plurilingüe Adormideras, o Instituto de Educación Secundaria Ramón Menéndez Pidal,o Instituto de Educación Secundaria Salvador de Madariaga, o Instituto de Educación Secundaria Urbano Lugrís e o Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo. Así mesmo, o acto contou coa colaboración de persoal da UDC para esta lectura de poemas da escritora coruñesa.

Programación homenaxe na Coruña e Ferrol

A programación da Universidade con motivo das Letras Galegas 2024 inclúe tamén dous concertos da banda galega de indie rock Chicharrón. O primeiro deles será hoxe, ás 19:30 horas, no xardín da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Industrial de Ferrol; e o segundo terá lugar na Sala Cubo de NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural das UDC, o vindeiro xoves, día 23 de maio, ás 19:30 horas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario