A Deputación da Coruña destina 775.000 euros en 2024 para financiar o gasto de persoal das oficinas de turismo

por Redacción A Coruña

«Un turismo de calidade implica ter bos técnicos para planificar e bo persoal para informar, e iso pódese facer con esta liña de axudas, que ademais son do cen por cento», salienta o vicepresidente, Xosé Regueira

A Deputación da Coruña inviste este exercicio 774.470 euros no programa de subvencións para financiar o gasto de persoal das oficinas de turismo dos concellos da provincia de menos 50.000 habitantes. Son 48 os beneficiarios, que se repartirán axudas de entre 10.000 e 20.000 euros.

«No noso departamento sempre fomos conscientes de que un turismo de calidade implica ter bos técnicos para planificar e bo persoal para informar e, entre todos, dar servizo e ofrecer unha proposta turística de calidade no territorio, algo que para nós é imprescindible se queremos ser competitivos», explica o vicepresidente, Xosé Regueira. «E iso ímolo poder facer con este programa de axudas, que ademais son do cen por cento».

Desde 2017, a liña de subvencións da Deputación para a contratación de persoal especialista en turismo dálle traballo no ámbito territorial da provincia a arredor de 50 persoas e tamén servizo a medio cento de entidades municipais.

A resolución do total das subvencións, a listaxe de beneficiarios e as cantidades que recibirá cada un poden consultarse no BOP do 29 de abril.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario