Arroxo: «Continuamos a traballar na mellora do barrio da Piringalla»
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Angelo Colocci, onde a área de Infraestruturas está a participar na urbanización do solar ubicado na unión coa rúa Avetarda. A concellería de Infraestruturas realiza a urbanización da rúa Túnel de Oural, que actualmente conta cun só carril de circulación, construíndo o segundo carril e a súa beirarrúa. Rubén Arroxo afirmou que «continuamos a traballar na mellora do barrio da Piringalla, garantindo a seguridade viaria e a accesibilidade».
Nos últimos anos, a Tenencia de Alcaldía rematou a construcción da beirarrúa da rúa Avetarda, no treito xa construído, e modificou a mediana de Ángelo Colocci xerando máis prazas de estacionamento, «atendendo a peticións veciñais e permitindo ás veciñas e veciños da zona unha mellor accesibilidade e comodidade».
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía completa a mellora da rúa Avetarda, mellorando tamén a imaxe do barrio. «seguimos a planificar o traballo nas distintas zonas atendendo ás peticións veciñais», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «a mellora dos barrios e das zonas periurbanas é un dos principais piares para o traballo da concellería de Mobilidade».