O secretario xeral dos socialistas galegos valorou a continuidade de Pedro Sánchez á fronte do Goberno como unha decisión “valente” porque, fronte ao acoso, “deu un paso adiante que vai ser moi positivo para esta sociedade”
O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito firme a colaborar na rexeneración democrática”. Fíxoo tras a comparecencia na que Pedro Sánchez confirmou a súa vontade de continuar á fronte do Goberno e durante a que sinalou esa rexeneración da vida pública como un reto de país.
“Trátase dunha chamada a todo o mundo. Isto non vai de Partido Socialista, de Partido Popular, de esquerdas ou de dereitas. É unha chamada a toda sociedade”, afirmou Besteiro. “Á dereita, se xa non lle podo pedir empatía, o que lle pido é responsabilidade”, indicou antes de demandar dos conservadores “unha política diferente á que están facendo nestes momentos”. O obxectivo, precisou, é “osixenar” a política para acadar “unha sociedade mellor e máis forte”.
Minutos despois de manter a súa primeira reunión de traballo na sede socialista co novo secretario de Organización do PSdeG, Luis Lago, Besteiro referiuse tamén ao aspecto persoal da reflexión que o presidente do Goberno abriu o pasado mércores. “Demostrou ser un home deste tempo, que non tivo complexos en expresar os seus sentimentos e compartilos, e que, ao final, tomou unha decisión valente: non dar un paso atrás nin ao lado fronte ao acoso, senón dar un paso adiante que vai ser moi positivo para esta sociedade”, asegurou.
Por iso, o máximo responsable dos socialistas de Galicia considera que se debe facer un balance “absolutamente positivo” dos últimos cinco días. Pedro Sánchez “obligounos a todos a reflexionar e a pensar no futuro que queremos para o noso país”, concluíu.