A Deputación de Lugo patrocina con 18.000€ a primeira tempada da serie A Grande Epopea de Galicia

por Redacción Lugo

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este xoves no Pazo de San Marcos na presentación da primeira tempada da serie A Grande Epopea de Galicia, un proxecto documental que consta de 8 episodios dedicados a Cuba,Brasil e Panamá e producida co apoio da institución provincial a través dunha achega económica de 18.000€. Ao acto asistiron tamén a directora e presentadora da serie, Teresa Racamonde, o xornalista e co-guionista, Fernando Salgado, o xornalista Martín Fernández Vizoso, e o responsable de Bolanda Edicións Antonio Couto.

Durante a súa intervención, Miguel Fernández subliñou que o apoio da Deputación a este proxecto audiovisual forma parte “da nosa aposta continuada polo sector audiovisual”. Unha aposta, engadiu, “que define o labor desta institución dende hai moito tempo: Contamos coa única escola pública de imaxe e son da provincia, na que ademais a matrícula é gratuíta; contamos cunha Film Commission; contamos cun servizo de audiovisuais; e, ao mesmo tempo, colaboramos economicamente con producións audiovisuais, en torno a unha trintena na última década”.

Nesta mesma liña, o Deputado remarcou o compromiso da institución coa cultura a través do audiovisual, que “é un gran embaixador da nosa riqueza patrimonial e, por suposto, ten unha gran capacidade de crear riqueza e emprego”. Sinalou que, no caso dunha serie documental coma esta, “facémolo tamén dende a responsabilidade de contribuír a recuperar a nosa historia común e dala a coñecer ás vindeiras xeracións”.

Rematou Miguel Fernández dando os parabéns á directora, aos guionistas, aos produtores e a todo o equipo da Grande Epopea de Galicia por un conxunto de capítulos, que “penso que recollen moi ben o que foi a esencia da emigración. Sinalando ao tempo as liñas de continuidade e as novidades. Os puntos comúns en todos os países e as singularidades aínda pouco lembradas, como a presencia deses 8.000 galegos que participaron na epopea que foi a construción do canal de Panamá”. “A mellor forma de render homenaxe aos que tiveron que marchar é non deixar que morra nunca a súa memoria, telos presentes”, asegurou.

8 episodios por Cuba, Brasil e Panamá

A serie audiovisual a Grande Epopea de Galicia relata a enorme xesta e transcendencia social, económica e cultural que deixou a pegada imborrable da emigración na Galicia moderna. Unha xesta na que a provincia de Lugo tivo un papel protagonista cunha emigración masiva a moitos deses países, entre os que destacan Cuba, Arxentina, Uruguai, Panamá ou Brasil, entre outros.

A primeira tempada consta de 8 episodios, a través de imaxes e testemuñas e cun formato cun enfoque ameno e atractivo, dedicado a Cuba, Brasil e Panamá. Os capítulos xa están dispoñible para ver online na plataforma de Agalega, a través da seguinte ligazónagalega.gal/videos/category/14225-a-grande-epopea-de-galicia

Ademais, este serial que pretende lanzar dúas novas tempadas máis, emitirase na primeira canle da TVG, o que lle dará unha maior proxección. Así mesmo, terá unha importante redifusión na TVG2 e nas súas canles internacionais, e tamén no ámbito académico, xa que se realizarán proxeccións e presentacións en diferentes universidades galegas e de fóra de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario