A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta tarde ao concerto inaugural da sétima edición do festival RESIS, referente internacional da música contemporánea, que tivo lugar na Fundación Luís Seoane. A rexedora estivo acompañada polo director artístico do RESIS, Hugo Gómez-Chao; a presidenta da Fundación Federico García Lorca, Laura García Lorca; e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González.
O concerto inaugural levou por título ‘Y entonces’ e consistiu nunhas variacións canónicas sobre Luigi Nono interpretadas por Niño de Elche. Tras a actuación foi presentada a exposición ‘Y su sangre ya viene cantando’, que rende homenaxe ao compositor italiano no centenario do seu nacemento. «A celebración de Resis alcanza cada ano máis sentido e de aí tamén as súas oito estreas absolutas, que nos lembran que estamos ante un certame aberto e multidisciplinar», sinalou Inés Rey.
A sétima edición de RESIS traerá á cidade dez concertos, oito deles estrea absoluta, unha exposición, así como proxeccións e numerosas actividades paralelas. A entrada a toda a programación é gratuíta, reservándose en Ataquilla ou presencialmente no quiosco da praza de Ourense. Toda a programación, en: http://resisfestival.com.