Un total de 6.818 negocios adheríronse a esta iniciativa nas catro provincias
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe na Laracha os establecementos mercería Avelaíña e xoería Cristóbal, dous dos locais adheridos este ano á V edición da campaña Bono Activa Comercio, onde celebrou que, en tan só cinco días despois de que se activase a descarga de bonos para particulares, xa se teñan esgotado os 2,5 millóns de euros habilitados polo Goberno galego para que os negocios adheridos puideran ofrecer descontos. Así, a campaña saldouse con 6.818 comercios sumados á iniciativa nas catro provincias, con preto de 300.000 bonos descargados e con 12 millóns de euros mobilizados en compras.
A delegada agradeceu a implicación dos 2.456 establecementos da provincia de Coruña que se sumaron a esta campaña e aos máis de 250 locais que se uniron a esta iniciativa na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, o que pon de manifesto a utilidade desta proposta para o comercio local.
Belén do Campo cualificou de éxito o programa mediante o que o Goberno galego financiou descontos de ata 30 euros, co propósito de incidir na fidelización e na apertura a novos clientes para o tecido comercial galego.
Cómpre recordar que os negocios que desexaron participar nesta iniciativa levaban adheríndose desde o 16 de abril, mentres que as persoas consumidoras interesadas puideron descargar os seus bonos de desconto na web www.bonosactivacomercio.gal desde o pasado día 26. Ao igual que en anteriores ocasións, cada persoa podía descargar un único bono.
Cabe engadir que cos datos rexistrados nesta quinta edición, en total, coas catro edicións anteriores mobilizáronse no sector comercial retallista máis de 65,7 millóns de euros.