As familias e o persoal das escolas infantís municipais do Milladoiro e Bertamiráns súmanse a unha experiencia singular de promoción e análise do galego na infancia
A Real Academia Galega e o Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal, abriron este luns a segunda edición do proxecto de investigación-acción Modo galego, actívao! Como novidade, alén de volver involucrar as comunidades educativas dos sete colexios públicos que imparten o segundo ciclo de infantil e primaria amesáns, desta volta chegará tamén ás dúas escolas infantís municipais, que atenden uns douscentos nenos e nenas ata os tres anos de idade, e reforzará a oferta de accións formativas. A experiencia ten como dobre obxectivo estudar e promover o uso da lingua galega entre os nenos e nenas de Ames partindo dos seus principais contextos de socialización: os propiamente escolares, os servizos complementarios, as actividades extraescolares e o contexto familiar. E faino contando coa implicación de todos os axentes involucrados: os educadores e educadoras, o monitorado, o alumnado e os seus proxenitores.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, mostra a súa satisfacción polo comezo deste programa pois «as rapazas e os rapaces son o futuro do galego». «Con elas e con eles debemos traballar na conservación do idioma. O Concello de Ames estará sempre á vangarda na defensa e na promoción do galego», expresa. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, anima na mesma liña a toda a comunidade educativa amesá a se implicar na proposta. «O obxectivo é que sexa posible vivir en galego en todos os contextos dende a infancia, e este proxecto ten a virtude de traballar para que así sexa tendo en conta a todos os axentes implicados: educadores e educadoras, pais e nais, monitorado e os propios nenos e nenas dun xeito moi activo», sinala.
As educadoras e as familias da Escola Infantil Municipal A Madalena foron onte as destinatarias da primeira dunha serie de charlas impartidas por Manuel Núñez Singala no marco da programación de accións formativas. O escritor e divulgador, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, compartiu coas persoas asistentes ao encontro convocado na Casa da Cultura do Milladoiro unha intervención na que incidiu no aproveitamento das posibilidades dunha comunidade bilingüe inserida nun mundo multilingüe, prestándolle especial atención á especificidade do traballo con nenos e nenas que están aprendendo a falar.Hoxe será a quenda das nais, os pais e o persoal da Escola Infantil Municipal O Bosque, nunha cita que terá lugar no propio centro educativo de Bertamiráns a partir das 17:30 horas. O 15 de maio, ás 20.00 horas, haberá unha nova sesión aberta a todas as familias e profesionais da educación de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O Seminario de Sociolingüística da RAG encárgase de novo do asesoramento e da posterior avaliación do proxecto, que ten na experiencia do compromiso coa inmersión lingüística un dos seus piares. Nesta ocasión a proposta que retará máis de 2.000 nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida arrinca o luns 13 de maio e estenderase ata o final do mes das Letras Galegas. A idea inspírase en 21 días co galego, o programa posto en marcha pola profesora Pilar Ponte, pero coa particularidade de implicar por primeira vez, dende a súa estrea o curso pasado, as escolas dun mesmo concello a un tempo e estenderse a outras actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.