Defende que o “Estilo Galicia” baseado na moderación, centralidade, sentidiño e estabilidade ten “perfecto acomodo” na España constitucional, ao tempo que reivindica a identidade como comunidade histórica
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro co Rei Felipe VI no que lle trasladou as prioridades de Galicia para esta nova lexislatura, na que Galicia seguirá a contar cun goberno estable, responsable e constitucionalista.
“Quíxenlle transmitir que ese Estilo Galicia de moderación, centralidade, de sentidiño, de estabilidade ten perfecto acomodo na España constitucional, reivindicando, por suposto, a nosa identidade como comunidade histórica, pero tamén dicindo que Galicia vai ser unha comunidade leal á Coroa e á orde constitucional”, manifestou. “Dentro do marco da Constitución e formando parte de España, Galicia atopa a súa razón de ser”, engadiu.
Neste sentido, lembrou que, como hai dous anos cando se reuniu por primeira vez como titular do Goberno galego coa Súa Maxestade, constatou “coñecemento extenso e preciso que ten a da realidade de Galicia, incluso de circunstancias moi concretas, así como o seguimento, interese e a preocupación, cousa que lle agradezo moitísimo”, indicou.
Así, durante a audiencia, que se prolongou sobre unha hora e cuarto, Rueda salientou os obxectivos que centrarán o traballo da Xunta nos vindeiros catro anos, baseados na estabilidade e a xestión. “Transmitinlle cal é a nosa situación actual e cales son os nosos obxectivos de futuro desta lexislatura, os retos aos que se enfronta Galicia e o que queremos facer para conseguilos”, explicou.