Ameijide: “O urbanismo á carta do PSOE á fronte da Deputación e o Concello poden expoñer a Lugo ao Garañón 3 en Paradai”

por Redacción Lugo

Como sucedeu no caso Garañón, membros do partido socialista á fronte durante estes 18 anos na Deputación e no Concello volven a ser os actores principais: José Ramón Gómez Besteiro, como edil de urbanismo e presidente da Deputación; e José Lopez Orozco, Lara Méndez e Paula Alvarellos, como rexedores de Lugo

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirmou esta mañá en rolda de prensa que José Tomé ten que estar “desesperado” para ter que retrotraerse 18 anos e falar de persoas xa falecidas para tentar defenderse “do que nos vén encima aos lucenses e para atacar aos seus compañeiros de partido”.

Antonio Ameijide, acompañado de deputados do Grupo Provincial Popular, defendeu que “a Deputación non está para atender ás frustracións do seu presidente e menos para ser arma e escudo nas súas guerras partidistas”.

Os populares temen que esta polémica xerada por Tomé sexa para “tentar tapar o Garañón 3 que se cerne sobre Lugo a raíz das cacicadas urbanísticas de Besteiro e do PSOE e do BNG no Concello de Lugo que, moito nos tememos, volverán pasar factura a partir dos próximos meses”.

Antonio Ameijide explica que os diferentes gobernos socialistas que rexeron a Deputación de Lugo nos últimos anos herdaron unha venda en condicións de total transparencia, pola que a Deputación debería ingresar 3.666.173,84€ e que, tras 18 anos non só non se ingresou este diñeiro senón que “probablemente haberá que devolver os cartos ao promotor máis intereses de demora e veremos se tamén o lucro cesante”.

“Estamos ante un posible Garañón 3 provocado por unha persoa con nomes e apelidos: José Ramón Gómez Besteiro”, asegurou. Besteiro aprobou desde o PSOE esta venda, pero como concelleiro de Urbanismo tamén impulsou o PXOM, dando edificabilidade a eses terreos, poñendo Tomé o foco directamente sobre el coa súa manobra política.

A realidade é que PSOE e BNG teñen que dar explicacións públicas de por que ese Plan Parcial para Paradai leva 18 anos paralizado nos caixóns do Concello de Lugo que se “detivo ata en tres ocasións e non avanzou”.

Estes problemas urbanísticos non son novos. Dende o PP levamos anos denunciando o caciquismo urbanístico do PSOE e a paralización das licenzas que sofren a diario empresarios, autónomos e todas as persoas vinculadas á cidade e que hoxe sofre nas súas carnes a Deputación de Lugo, quedando exposta a un xuízo que pode ser o Garañón 3.

O Grupo Provincial Popular pediu esta maña por escrito acceso a este expediente: “esperamos que non haxa trabas”.

Datas clave

Este proceso comeza no ano 2004. En marzo desde ano remitiuse ao Concello de Lugo, dende Suplusa, o inicio do Plan Parcial de Paradai, do que se deu conta no Consello Administración de Suplusa en decembro de 2004, xuntanza na que estaba presente Gómez Besteiro, ademais doutros representantes do PSOE.

O procedemento continúa en outubro de 2005, cando se inicia o proceso de venda de terreos próximos aos que hoxe están en cuestión. Proceso que se apoia por unanimidade, por tanto co apoio do PSOE. “É patente que sempre se avalou por parte do PSOE a xestión do solo e urbanizables desta contorna”, defendeu.

O 20 de outubro de 2006, de novo o PSOE deu o seu visto e prace á venda duns terreos na contorna de Paradai como tamén o fixo co prego que rexeu posteriormente a venda no Polígono Este C de Paradai.

No BOP de Lugo do 3 xaneiro 2007 publícase a venda pública destes terreos, un proceso apoiado polo PSOE nas xuntanzas de Suplusa.

A este concurso público concorreron varios licitadores, concretamente tres, proceso que se adxudicou o 3 de marzo de 2007 por 3.666.173,84€, co voto favorable do PSOE.

As cláusulas deste prego establecen un primeiro pago do 30% a realizar no momento da adxudicación do concurso (1.099.000€). Un segundo pago, tamén do 30%, a realizar aos seis meses e, un terceiro e último pago, por valor do 40% restante no momento da adxudicación da parcela de substitución, “extremo que nunca se cumpriu” por culpa da Deputación e do Concello de Lugo, baixo mandatos socialistas e nacionalistas nestes 18 anos en ambas institucións.

O problema son os pagos, que non se puideron executar porque dende a Deputación de Lugo non se cumpriron os compromisos adquiridos. “Tomé afirma que descoñecía este proceso, pero imos demostrar que mente de forma compulsiva”, afirmou.

As mentiras de Tomé

Antonio Ameijide pon sobre a mesa as mentiras que o presidente da Deputación leva defendendo esta semana. Primeiro, “non había ningún presidente en funcións xa que faltaba un ano para as eleccións municipais”, aseverou.

En segundo lugar, “Tomé non pode alegar descoñecemento de ningunha forma” porque é unha venda pública que se realizou con total transparencia, 3 presidentes socialistas, auditorías anuais de Suplusa nas que se recoñecían ese dereito de cobro pendente e a liquidación final de Suplusa, sendo membro da comisión liquidadora Pilar García Porto.

Nas contas de liquidación de Suplusa recoñécese unha débeda pendente coa Deputación de 2.718.694,26€, pendente desde 2007 e que segue vixente a día de hoxe “porque non se fixo nada por parte da Deputación”. A realidade é que a Deputación nunca puxo a disposición a parcela de substitución.

Por outra banda, Tomé votou a favor da liquidación de Suplusa. “Non pode alegar descoñecemento ou é que non leu a documentación na que se recoñecía unha débeda de máis de 2M€”, aseverou.

Ademais, o 26 de novembro de 2021, Pablo Rivera por delegación do presidente asina a liquidación definitiva de Suplusa. Nese documento figura unha débeda de 2.461.205,80€. “Por que a diferenza se reduciu en 257.488,04€?”, pregunta o popular.

Pero outro dato máis que apoia que Tomé tiña coñecemento deste proceso dende hai varios anos é que na xunta de goberno provincial do 6 de maio de 2022 (con el xa como presidente), propón a comparecencia da entidade provincial ante o xulgado contencioso-administrativo por un recurso interposto polo comprador, que xa dirixira un escrito á Deputación o 4 de novembro de 2021.

Tomé debe pedir desculpas polas constantes mentiras

Antonio Ameijide esixe a Tomé que “deixe en paz aos mortos e preocúpese dos vivos que bastante ten que atender na Deputación”.

“Se o presidente da Deputación está frustrado porque non contaron con el para a executiva socialista a nivel autonómico que o resolva dentro do seu partido e deixe de usar a Deputación como arma e escudo”, esixiu.

O voceiro popular afirma que “non todo vale en política”. “Tomé debería reflexionar sobre o seu futuro en política senón é capaz de estar á altura do cargo que ostenta”, afirmou.

Tralas mentiras vertidas polo presidente da Deputación nos últimos días, dende o Grupo Popular esíxenlle que “pida perdón aos lucenses por mentir, por falar de persoas que xa non están e non se poden defender e, incluso, tamén aos seus compañeiros de partido”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario