A iniciativa ten por finalidade iniciar no motociclismo a mozos de entre 6 e 15 anos de idade permitíndolles probar unha moto de velocidade
Este venres ás 11:00 horas abrirase a inscrición para participar en Xogade coas motos. O evento vaise celebrar na praza Les Sables d’Olonne da Laracha o sábado 25 de maio e ten por finalidade ofrecer a nenos e adolescentes (de 6 a 15 anos de idade) a posibilidades de iniciarse no motociclismo probando unha moto de velocidade.
Aquelas persoas interesadas deben anotarse cubrindo os datos requiridos nesta ligazón: https://www.xogadecoasmotos.com/xogade-a-laracha. As prazas serán outorgadas por estrita orde de inscrición. Ata o 17 de maio só se permitirá anotarse a persoas que estean empadroadas no concello da Laracha. No caso de quedar prazas vacantes, abriríase a inscrición a non empadroados. A participación é gratuíta, requiríndose a cada asistente que vaia equipado con guantes (de moto ou bici), botas (de moto ou tipo trekking) e roupa térmica ou sotomono. Na Laracha realizarase por primeira vez despois de que o ano pasado tivera que suspenderse en dúas ocasións por causa das condicións climatolóxicas adversas. Nesta ocasión requirirase dunha nova inscrición e non se conservarán as prazas que foran outorgadas no ano pasado por razóns de seguridade ao precisar actualizar as medidas dos participantes para ofrecerlles o material oportuno, ademais de que nalgúns casos xa superarían a idade máxima permitida.
Xogade coas motos pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos ás motos de velocidade. A actividade non será competitiva, xa que a finalidade esencial é coñecer se aos rapaces lles gusta o deporte do motociclismo. Os participantes terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores, encargados tamén de valorar o nivel do neno e de ofrecerlle esa información aos pais.
Trátase de ofrecer unha primeira toma de contacto que permita aos rapaces con inquedanzas polo motociclismo coñecer e achegarse a este deporte sen necesidade dun investimento inicial e, de ser o caso, recibir asesoramento para a súa práctica habitual nas diferentes opcións dispoñibles en Galicia (escolas, circuítos, competicións, etc).
O evento é organizado por VFM Motoclub co apoio do Concello, a Federación Galega de Motociclismo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).