A portavoz do PP, Eugenia Requeijo, afea a “falta de xestión e de vontade” do alcalde nacionalista, Manuel Requeijo, por atraer movemento, actividade e conservar a celebración do Rallye da Mariña no termo municipal de Muras. “O alcalde borra a Muras do mapa das probas deportivas”, engade.
Esta fin de semana celébrase a sexta edición desta proba deportiva, pero nesta ocasión “non pasará por Muras, despois de cinco anos nos que se tiña consolidado no noso concello”, segundo advirte a portavoz popular á vista do itinerario.
Eugenia Requeijo explica que “recibimos queixas de veciños e veciñas que querían que o Rallye pasara por Muras coma os outros anos” e que se trata dun evento que “atraía numeroso público ao noso concello e que xeraba movemento en Muras”.
A popular defende o potencial que ten o termo municipal de Muras cun entorno privilexiado tanto para vivir como para promover iniciativas no ámbito económico, social, cultural e deportivo. Por iso cre que, con esta cita, “o alcalde deixa pasar unha oportunidade para dinamizar a actividade en Muras”.