A UDC colabora co festival de divulgación científica Pint of Science do 13 ao 15 de maio

por Redacción A Coruña

Persoal investigador de diversas áreas e centros de investigación da UDC participan no evento, nas localidades da Coruña, Ferrol e Carballo

A novena edición do festival internacional de divulgación científica Pint of Science, que terá lugar os días 13,14 e 15 de maio, contará cun total de 850 charlas en 67 localidades de España, na que supón a edición máis ambiciosa da historia do evento no noso país. Durante os tres días de duración da cita, os bares das nosas cidades convértense en improvisados laboratorios desde onde os investigadores máis punteiros compartirán os últimos avances da ciencia en España.

A Universidade da Coruña colabora un ano máis co evento, e varios dos investigadores e investigadoras da UDC participarán achegando o seu coñecemento científico nas localidades da Coruña, Ferrol e Carballo.

Na cidade da Coruña, Pint of Science celebrarase nos bares A Olímpica, (Rúa Alfredo Vicenti, 39) e Bar Árnica, (Rúa de Herrerías, 2), cun total de 11 charlas de 12 investigadores. O luns, día 13, A Olímpica contará coa participación de María José Servia, da Área de Zooloxía; e Susana Ladra e Hilda Romero, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC; e o Bar Árnica acollerá os relatorios de Xavier Fonseca Blanco, da Área de Dereito Civil; e Paula Novo Valencia, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC. A segunda xornada os protagonistas serán Xabier Pérez Couto, do CITIC; e José Antonio Cortés Vázquez, da Área de Socioloxía, no Bar Árnica; e Pedro Galán, da Área de Zooloxía; e Irene González, da Área de Dereito Civil; na Olímpica. O día 15, o Bar Árnica contará con Armand Hernández Hernández, do CICA; e na Olímpica participarán Israel Temprano e Casto Rivadulla, ambos do CICA.

A investigadora da UDC Socorro Castro García, membro do equipo local da organización na Coruña por segundo ano consecutivo, mostra “un gran entusiasmo polo interese que esperta Pint of Science entre xente moi diversa desta cidade, que na pasada edición encheu os dous bares nas tres xornadas que durou o evento”.

En Ferrol, o festival terá lugar nos bares La Cuerda Floja (Espartero, 1), Monique Coffee (Rúa Taxonera, 1) e Quinze, (Rúa Real, 69). O día 13 será Manuel Romero, da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, o primeiro dos investigadores da UDC en participar. O día 14, o Monique Coffee acollerá os relatorios de Jesika Asatryan, do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI); e Salvador Naya, do Grupo MODES (Modelización, Optimización e Inferencia Estatística), vinculado ao CITIC da UDC. Xa o día 15, Ana Álvarez García e Mariola López Morado, ambas do CITENI,  converteranse nas dúas investigadoras protagonistas.

Nesta cidade foi Carolina Martínez Rodríguez, enxeñeira  de sistemas de Navantia, quen tomou a iniciativa de poñer a andar o festival xunto coa colaboración de investigadores da UDC.

Jesika Asatryan, estudante de doutoramento en física aplicada e investigadora vinculada ao CITENI manifesta a súa ledicia por participar nesta edición. “Unha vez máis, síntome profundamente agradecida por ter a oportunidade de participar neste evento tan único e peculiar, esta vez celebrado en Ferrol. Compartir coñecementos sobre ciencia e achegar ao público os descubrimentos que realizamos no noso día a día é unha das experiencias máis gratificantes que pode experimentar un investigador. En particular, éncheme de ledicia que este evento se leve a cabo en Ferrol por primeira vez, e estou enormemente agradecida a todos aqueles que contribuíron co seu esforzo para facer posible este evento neste fermoso recuncho de Galicia».

En canto a Carballo, os puntos de encontro serán a Cafetería O Mercado (Mercado de Abastos, Rúa Gran Vía); O Bodegón (Rúa Vázquez de Parga, 68), e o Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 34). Verónica Bolón, investigadora da UDC e que forma parte da organización do festival nesta localidade, amósase moi contenta de poder levar o festival ao seu lugar de procedencia “Para min, que me gusta moito a divulgación, é un orgullo e unha sorte poder levar este festival ao meu pobo e achegar a ciencia non só aos habitantes das grandes cidades. Confío en que vai ser un gran éxito e esperamos seguir celebrándoo moitos anos máis. Nesta primeira edición, todos os participantes son de Carballo ou con raíces moi fortes aquí, polo que será un festival totalmente de km 0. Temos un total de 8 poñentes, dos cales 3 somos da UDC: María Andrade Suárez, Eva María Souto García e eu mesma”.

Pint of Science, unha realidade a nivel mundial

Sandra Medrano, investigadora postdoutoral e responsable de comunicación desta edición de Pint of Science  nivel nacional, explica que “as caras de interese, sorpresa e risas que xorden nos asistentes ao oír falar de ciencia son a nosa motivación para deixar o laboratorio e volver un ano máis aos bares para contar os nosos descubrimentos. Ás veces infravalorámonos, pero a alta calidade científica que hai no noso país e a motivación e paixón que temos todos os científicos polo que facemos, fan que España sexa punteira en moitas áreas de coñecemento’’.

Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido cando os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e  pensaron, “se a xente vai aos laboratorios… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente, os bares?”. Pouco se imaxinaban que uns anos despois, a súa idea daría a volta ao mundo, celebrándose este 2024 simultaneamente nos 5 continentes, contando con 25 países participantes.

Os científicos australianos serán os primeiros en subir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e co resto de países anfitrións, comezará unha maratón de 3 días de ciencia e bares de todo o Mundo.

Pint of Science 2024 é un evento gratuíto para todos os asistentes. O programa completo por cidades pode consultarse en: https://pintofscience.es/.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario