O Grupo Popular salienta que todos os concellos galegos que soliciten atención temperá contarán coa axuda da Xunta, que paga o 100 por cento das horas do servizo

por Redacción Galicia

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “todos os concellos que solicitaron unha unidade de atención temperá contan coa axuda da Xunta, que paga o cento por cento das horas do servizo”.

Raquel Arias manifestou que “apostar pola atención temperá é fundamental para identificar e para actuar de maneira precoz sobre os trastornos que poden sufrir no seu desenvolvemento os nenos, desde que nacen ata os seis anos”. Deste xeito, lembrou que Galicia pasou de contar en 2009 con dúas unidades, que atendían a 16 concellos e 160 nenos, ás 46 unidades existentes na actualidade, que prestan servizo a máis de 5.000 menores.

“Pero non nos conformamos, porque non o estaremos ata que exista unha atención do 100 por cento das necesidades, e por iso os orzamentos da Xunta para esta finalidade incrementáronse un 60 por cento respecto ao ano anterior, pasando dos 5 aos 8 millóns de euros”, concretou.

CUMPRIR TAMÉN COA DEPENDENCIA

Por outra banda, a deputada popular criticou que a interpelación realizada polos socialistas no último Pleno sobre a dependencia, da que deriva a moción debatida hoxe, “non teñen absolutamente nada que ver, o que pon de manifesto que a situación dos dependentes en Galicia non lles interesa nada”. “O único que pretendían era deixar en evidencia á Xunta, e como os datos que lles facilitou a conselleira son moi tozudos e contundentes, sacáronse da manga outro tema importante pero que nada ten que ver co tratado na interpelación”, indicou.

Así, Raquel Arias destacou que “o Goberno de Alfonso Rueda cumpre os seus compromisos e nos 100 primeiros días do novo Goberno galego xa impulsou máis de 1.100 novas prazas de residencias e centros de maiores por toda Galicia, nas cidades e tamén no rural”. “Ao mesmo tempo, puxo en marcha o bono coidado no fogar, que xa beneficia a máis de 18.000 dependentes galegos”, apuntou.

“O PSdeG non quere oír falar de dependencia, porque non quere escoitar que desde 2009 o número de dependentes atendidos se multiplicou por cinco; as prazas de residencias se multiplicaron por tres; as prazas en centros de día, por seis; ou as persoas atendidas polo servizo de axuda no fogar se multiplicaron por oito; ademais de crear 123 casas do maior”, manifestou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario