O PP esixe por cuarta vez a PSOE e BNG que cumpran coa Valedora do Pobo e permitan o acceso á nave de Begonte “se non teñen nada que agochar”

por Redacción Lugo

Ameijide afirma que José Tomé cre que “está por enriba do ben e do mal” xa que desatende a resolución da Valedora do Pobo e, nun escrito con data do 19 de abril, esixe “a presentación dunha solicitude de acceso” para establecer a data de acceso, o persoal que acompañará a visita e as medidas de seguridade

Os deputados do Grupo Provincial Popular veñen de rexistrar por cuarta vez a solicitude de acceso á nave de Begonte, propiedade da Deputación provincial de Lugo, xa que José Tomé, o PSOE e o BNG seguen instalados “no máis absoluto escurantismo” e “manteñen o veto de entrada” nesta instalación provincial.

O voceiro popular Antonio Ameijide recorda que pese á intención exposta polo Grupo Provincial Popular, nas comunicacións realizadas o 24 de novembro de 2023, 29 de febreiro e 3 de abril de 2024, de “acceder” ás naves situadas no polígono de Carral, en Begonte, “o equipo de goberno non fixo posible que se levara a cabo a mesma”.

Ameijide fai referencia á resolución da Valedora do Pobo, do 15 de marzo de 2024,  en relación á pretensión de deputados do Grupo Provincial Popular de visitar dependencias provinciais, na que se conclúe que “se debe garantir” a libre entrada por parte dos mesmos ás instalacións que son de atención directa á cidadanía e que, por outra banda, respecto ás que non o son “o réxime de acceso sería o dunha sinxela comunicación previa, non o de autorización”.

Pese a esta resolución, José Tomé “segue a pensar que está por enriba do ben e do mal” e respondeu nun escrito, con data 19 de abril de 2024, que é imprescindible “a presentación dunha solicitude de acceso e especifica que esta será resolta establecendo o día e a hora de acceso, o persoal provincial que acompañará á visita e as medidas adoptadas para garantir a seguridade”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario