Antonio Ameijide explica que “o xulgado, de momento, non dixo que non hai lugar á indemnización” senón que o que referiu o xuíz é que “a demanda presentada polo promotor debe resolverse na orde civil, en lugar da vía contencioso-administrativa”
O xulgado contencioso-administrativo número 2 de Lugo vén de enviar á orde civil a demanda presentada polo adxudicatario do concurso público de venda de varias parcelas en Paradai no ano 2007.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “José Tomé non evitou ter que pagar unha indemnización” ao demandante, xa que o único que dixo o xuíz na súa sentenza é que “esta demanda é un asunto da xurisdición civil” polo que non entra a valorar o fondo do asunto.
Ante esta situación, Ameijide afirma que o “Garañón 3” que o PSOE e o BNG están a xerar en Lugo porque a indemnización que reclama o adxudicatario da venda pública dos terreos “segue pendendo” sobre a Deputación de Lugo. “Insisto, o único que fixo o xulgado é trasladar a demanda de sala. En ningún intre dixo que non hai lugar á indemnización”, afirmou.
Ameijide advirte que esa indemnización que pode ter que pagarse ao demandante será a suma da cantidade xa pagada por el, ademais do lucro cesante e os intereses de demora, como se está a reclamar no Garañón e xa sucedeu na Fábrica da Luz. “Curiosamente estas tres reclamacións teñen aos mesmos actores en común: Gómez Besteiro, Lara Méndez e gobernos do PSOE e do BNG á fronte de Concello e Deputación de Lugo”, rematou.