Cominado conxunto dos sindicatos CCOO, USO, CIG de Ambulancias do Atlántico

por Redacción Galicia

Grazas ao traballo sindical das organizacións da CIG, CCOO e USO, pero sobre todo á loita das traballadoras e traballadores de Ambulancias do Atlántico, temos acadado grandes logros dende o inicio do conflito provocado polo empresario Carlos Simón.

Por primeira vez na historia, conseguimos que a Xunta de Galiza se vise obrigada a intervir unha empresa privada. Isto non ocorrera xamais en ningún outro sector. Grazas a iso, puidemos cobrar antes do día 1 de maio ás nóminas de abril, garantindo a mellora de Convenio Colectivo conseguida por CIG, CCOO e USO para cobrar no propio mes.

Tampouco antes tantos altos cargos da administración se reuniran tantas veces directamente coa representación sindical do persoal traballador. Entre outras, a Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade, a Directora Xerente do 061, Directoras Xerais da Consellería de Sanidade, ou o Xerente da EOXI de Vigo. Mesmo o propio presidente Rueda se veu obrigado a implicarse neste conflito dando explicacións e incluso chegando a debaterse no Parlamento Galego a situación de Ambulancias Atlántico.

Ademais, conseguimos expulsar ao empresario Carlos Simón obrigándolle a renunciar a todos os contratos en Galiza e provocamos que a Consellería de Sanidade se vise obrigada adiantar todas as licitacións do Transporte Sanitario, non só en Vigo, senón que tamén no resto áreas sanitarias.

Logo da última reunión con altos cargos da Consellería e o 061 que rematou sen acordo, vimos de ser convocados novamente a outra xuntanza mañá xoves 16 de maio. Unha vez máis, dende a CIG, CCOO e a USO esixiremos compromisos concretos para o cobro das cantidades que se nos deben e para o traspaso a unha nova empresa o antes posible, mantendo os dereitos conquistados durante estes últimos anos.

Por último, adiantamos xa a convocatoria dunha asemblea informativa para o vindeiro luns 20 de maio na que se dará conta dos últimos avances e dos acordos que se poidan lograr na reunión de mañá xoves.

A continuación, detallamos os puntos que demandaremos para garantir os nosos dereitos:

1° Que a administración nomee unha persoa física para xestionar a empresa (no servizo urxente e no programado), que remate co actual caos organizativo e que se nos entregue un organigrama actualizado da empresa con nomes e cargos.

2º Que se entreguen a totalidade das nóminas solicitadas ao persoal traballador dende xaneiro de 2023 segundo o excell facilitado a semana pasada, antes da día da reunión.

3º Que administración se encargue (directamente ou indirectamente) de que se refagan unha a unha todas as nóminas de todo o cadro de persoal dende xaneiro de 2024 para poder calcular a diferencia e coñecer canto se debe ao persoal traballador. En ningún caso se aceptará que as nóminas sigan realizándose polo departamento actual.

4° Confirmación de quen e en que prazo se nos vai pagar os atrasos que se lle debe ao persoal.

5º Que se nos confirme de que maneira se van abonar as nóminas de maio e o compromiso de cobrar antes do 1 de cada mes.

6º Que se nos diga que empresa ou empresas optan ao concurso de emerxencia do servizo urxente e que se convoque á RLT a vindeira semana co novo empresario para organizar a transición que incluirá asumir os acordos actuais con Ambulancias do Atlántico. Este punto será extensible ao servizo programado en canto se coñeza o adxudicatario.

7º Que nunha reunión a semana que ven, se negocie coa RLT as condicións de subrogación no referente ao persoal, finiquito, condicións de traballo e necesidades de vehículos, centros de traballo e uniformidade.

8º Que a nova empresa comece a abonar a paga de regularización recollida no Convenio Colectivo con cargo aos novos contratos.

9º O compromiso de aprobar un contrato de emerxencia tamén no programado se o actual queda deserto.

10º Creación dunha mesa de seguimento dos concertos entre a administración e a RLT con reunións periódicas como as actuais para evitar que esta situación volva a acontecer.

11º Información das medidas xurídico-legais ou administrativas que a Xunta de Galiza está a adoptar contra o empresario Carlos Simón (auditorías, execución de avais, sancións, etc.).

* Todos os acordos acadados deberán ser recollidos por escrito e asinados pola administración ao remate da reunión.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario