Inés Rey acepta a rectificación do accionista maioritario do RC Deportivo e iniciará os trámites para renovar o convenio nos termos actuais

por Jorge García

A alcaldesa chamou esta mañá ao presidente do Real Club Deportivo para retomar a relación entre ambas institucións

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acepta a rectificación feita pública pola dirección do RC Deportivo anunciando que o accionista maioritario desbota a súa pretensión inicial de obter a cesión do estadio durante 40 anos e acepta tamén a chamada cláusula de arraigo que desde un primeiro momento propuxo o Goberno local, renunciando tamén á explotación económica do estadio fóra da actividade deportiva. 

A alcaldesa valorou «moi positivamente a súa disposición a firmar o convenio para o uso gratuito de Riazor durante os próximos 25 anos nos termos propostos polo goberno, moi semellantes aos agora vixentes e que evitan calquer tipo de especulación co patrimonio público municipal».

Inés Rey mantivo esta mesma mañá unha conversa do presidente do club, Ávaro García Diéguez, para retomar a relación entre ambas institucións. Rey lamenta que se teña privado á afección da merecida celebración en María Pita ao día seguinte do tan ansiado ascenso.

A alcaldesa celebra, en todo caso, o cambio de parecer do accionista maioritario do Dépor e que acepte finalmente as condicións que rexiron a cesión do estadio municipal durante os últimos 25 anos. A praza e o Palacio Municipal, indicou Rey, están abertas para acoller aos xogadores e ao cadro técnico para celebrar á volta do club ao fútbol profesional. O Concello, avanzou a rexedora, colaborará cos actos de celebración que se organicen como sempre fixo.

Rey avanzou tamén que de xeito inmediato iniciará os trámites para renovar o convenio de cesión nos termos do actual acordo, asinado no ano 2000 e con vencemento no 2025.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario