Paloma Castro censura a devaluación da antiga Secretaría Xeral de Igualdade no novo goberno e alerta de que a reintegración do concelleiro condenado do PP na Illa de Arousa supón “branqueamento da violencia de xénero”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe un “retroceso de máis de 20 anos na concepción das políticas de igualdade” por parte do PP e da Xunta ao defender “as mesmas teses que os seus socios de extrema dereita”. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo da decisión de “devaluar” a antiga Secretaría Xeral de Igualdade no organigrama do novo goberno autonómico.
A responsable socialista advertiu que esta decisión supón traer a Galicia a liña de “invisibilización das políticas de igualdade” que están a despregar nas comunidades autónomas nas que colaboran con Vox. Apunta que o “menosprezo” ao papel da loita contra a Igualdade comezou en Galicia baixo a presidencia de Feijóo, que suprimiu en 2010 o Servizo Galego da Igualdade, e vén de culminar baixo a presidencia de Rueda.
Castro criticou en primeiro lugar a devaluación de rango, pasando da Secretaría Xeral a dúas direccións xerais, xa que ademais separan as políticas de igualdade da loita contra a violencia de xénero, “dando a entender que a orixe desta violencia non é o machismo, a ausencia de igualdade entre homes e mulleres”. Advertiu que “comezan rebaixando de categoría ás políticas de igualdade e cando nos decatemos están aprobando medidas para previr os divorcios, como en Baleares”.
Concelleiro condenado
A responsable socialista alertou de que a decisión de Rueda de reintegrar no grupo municipal da Illa de Arousa ao concelleiro condenado por violencia de xénero senta un precedente “moi perigoso para a sociedade”, por canto supón o “branqueamento da violencia de xénero”. Advertiu que “o Parlamento debe manifestar o seu posicionamento en contra de que unha persoa condenada por violencia de xénero poida ostentar un cargo de representación política”.
Alertou da “falla de exemplaridade” que representa esta decisión, nas antípodas da “condena social que merece”, e que evidencia que o PP “non entende as políticas de igualdade” e polo tanto “a branquean ou a disfrazan dunha frivolidade insultante”.