Ponteareas. O BNG, PSOE e PEC solicitan a dimisión inmediata de Raquel Plana

por Redacción Pontevedra

Os grupos da oposición, BNG, PSOE e PEC, mostramos o noso rexeitamento respecto ao recente comportamento da Concelleira de Sanidade e responsable do Centro de Saúde de Ponteareas, Raquel Plana, no exercicio das súas funcións públicas. O pasado luns 13 de abril fomos vítimas dunha mostra das carencias democráticas do goberno local. Durante a sesión, a concelleira do PP púxose en pé e proferíu insultos á bancada da oposición, primeiro chamando “gilipollas” ao portavoz do BNG, Miguel Bouzó, e logo vociferando “manipuladores” e “patéticos” aos concelleiros e concelleiras do BNG, PSOE e PEC.

Fíxoo despois de que os grupos da oposición mencionaramos a súa culpabilidade na caótica situación da sanidade pública na localidade, e cando lembramos que despois de impedir hai 15 días unha iniciativa para solicitar máis persoal para o centro de saúde, o goberno local propuxera no pleno o cambio do Plan Urbanístico para situar definitivamente o futuro novo centro de saúde xunto a clínica familiar desta concelleira sen ningún tipo de xustificación.

Pero os insultos son só a punta do iceberg. Desgraciadamente, este tipo de actitudes non son novas. Desde que comezou a lexislatura temos que sufrir o comportamento antidemocrático do goberno local: impedimentos para acceder a documentación básica, interrupcións, provocacións e faltas de respecto nos plenos e dificultades para participar no día a día da vida política da nosa vila. Hoxe mesmo, ofrecemos esta comparecencia na rúa, ante a negativa do goberno a cedernos un espazo dentro do Concello.

Como representantes da veciñanza, cremos firmemente nos valores de respecto, participación democrática e diálogo activo. Lamentablemente, as accións do goberno municipal en xeral, e da Concelleira de Sanidade en particular, atentan contra os principios fundamentais da vida política.

O goberno tripartito liderado polo Partido Popular e escoltado por ACIP e Independentes Ponteareas, fai retroceder a nosa vila aos tempos escuros e volve pór de manifesto a necesidade de reforzar os principios éticos e democráticos na vida política municipal.

Os tres grupos da oposición consideramos imperativo que os e as representantes públicas actúen con dignidade e respecto, independentemente das diferenzas ideolóxicas que existen. As veciñas e veciños de Ponteareas merecen unha clase política exemplar, comprometida coa defensa dos intereses xerais e o respecto a participación democrática.

Dende a oposición, reiteramos o noso compromiso co respecto institucional, a pluralidade de ideas e o traballo en beneficio da cidadanía de Ponteareas e instamos ao goberno local a reflexionar sobre as súas accións e a actuar con responsabilidade e respecto cara a todas as forzas políticas representadas na Corporación Municipal.

Por todo isto, ante o sucedido no pleno do luns, solicitamos a dimisión inmediata de Raquel Plana como concelleira da Corporación Municipal. De non facelo motu propio, os grupos da oposición rexistraremos unha iniciativa conxunta para propor no pleno ordinario do 28 de maio a súa reprobación e solicitarémoslle á alcaldesa que a cese das súas funcións.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario