Representantes da Universidade Tecnolóxica de Sydney visitan o Campus Industrial de Ferrol da UDC da man de Navantia Australia

por Redacción Galicia

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, o director do Centro Mixto UDC-Navantia pola parte da institución herculina, Pablo Fariña; e o coordinador do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, Richard Duro, recibiron este martes, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, aos representantes da Universidade Tecnolóxica de Sydney no marco dun programa de colaboración entre universidades españolas e australianas que promove Navantia Australia.

O vicerreitor e presidente da Universidade Tecnolóxica de Sydney, Andrew Parfitt; o vicerreitor adxunto da área de Internacional e vicepresidente, Iain Watt; o director adxunto da área de Relacións Globais, Innes Ireland; e a decana da Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxías da Información, Peta Wyeth, achegáronse ata o Campus Industrial de Ferrol acompañados polo responsable de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, e polo former Chief Technology Officer de Navantia Australia, Jenaro Sánchez.

Ao longo da xornada, as persoas integrantes da delegación australiana tiveron a oportunidade de achegárense ata as instalacións de Navantia Ría de Ferrol onde foron recibidos polo seu director, Eduardo Dobarro. Xa no Campus Industrial de Ferrol, visitaron o Laboratorio de Mecánica de Fluídos e a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situados no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

A relación de Navantia Australia e da Universidade Tecnolóxica de Sydney vén de lonxe. Tanto é así que, en novembro de 2023, presentaron, marco da Exposición Internacional do Indo-Pacífico, un novo proxecto conxunto, o Instituto Marítimo de Tecnoloxías para o Fomento da Investigación e o Desenvolvemento de Tecnoloxías Dixitais para o Sector Marítimo (Marintec), situado no edificio central da universidade australiana.

Desta colaboración entre Navantia Australia e a Universidade Tecnolóxica de Sydney xurdiron acordos de colaboración con universidades españolas, entre elas, a Universidade da Coruña. A titorización conxunta do alumnado de programas de doutoramento e a materialización de proxectos de investigación no eido dos usos da Intelixencia Artificial (IA) na aprendizaxe e no dos sistemas autónomos colaborativos través do Grupo Integrado de Enxeñaría serán as dúas liñas de traballo a desenvolver nos próximos anos desde o Campus Industrial de Ferrol.

Foto portada: Unha delegación da Universidade Tecnolóxica de Sydney visitou este martes o Campus Industrial de Ferrol no marco dun programa a colaboración entre universidades españolas e australianas que promove Navantia Australia

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario