O PP insiste na necesidade de que Monforte conte cunha zona pública de baño con todas as garantías sanitarias e de seguridade

por Redacción Lugo

Katy Varela explica que “non é a primeira vez” que realizamos esta petición, xa que se defendeu en setembro de 2023, sen que o goberno de José Tomé fixese os traballos necesarios para habilitar esta zona de baño para todos os monfortinos

Coa chegada do bo tempo e do verán, son moitos os monfortinos que buscan zonas nas que refrescarse para combater as altas temperaturas que adoita haber no municipio, unha tarefa “practicamente imposible” ao carecer Monforte dunha zona pública de baño habilitada.

A voceira popular, Katy Varela, explica que xa pedimos en setembro de 2023 que o Concello realizase os traballos necesarios para que a cidade contase cunha zona destas características pero a realidade é que o goberno de José Tomé “non fixo os deberes” neste eido e “un verán máis seguiremos sen unha zona habilitada para este fin” con todas as garantías sanitarias e de seguridade.

Por este motivo, dende o Grupo Municipal Popular defenderase no pleno deste mes unha iniciativa para instar ao goberno local a levar a cabo as actuacións necesarias para que a zona de baño de Ribasaltas estea de novo no rexistro de augas de baño de Galicia e así se leven a cabo os controis necesarios polas administracións competentes para que os veciños de Monforte gocen dunha zona de baño segura.

Ata o ano 2012, esta zona de baño constaba como dada de alta no rexistro de augas de baño de Galicia, o que implicaba un control exhaustivo de salubridade, pero, desde 2012 xa non consta no rexistro, a pesar de que este mesmo equipo de goberno apoiou unha iniciativa do noso grupo municipal no mandato 2015-2019, na que se solicitaba que se puxeran en marcha todos os mecanismos posibles para que se dese de alta esa zona de baño no rexistro.

“Vemos, unha vez máis, como Tomé é un experto en fotografías, titulares e maquillaxe, pero á hora de traballar e xestionar non sabe ou non quere”, criticou.

Ribasaltas foi historicamente unha zona de baño na que todos os monfortinos aproveitaban no verán para pasar o tempo de ocio e refrescarse, do mesmo xeito que hoxe en día se segue facendo, polo que “consideramos lóxico que se volva a incluír no rexistro galego para que conte con todas as garantías necesarias”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario