Luísa Villalta será a protagonista nesta edición. UGT-Galicia reivindica o insubstituíble papel da lingua galega como vehículo de comunicación, parte do patrimonio e medio básico de expresión cultural
Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición a Luísa Villalta, (A Coruña 1957-2004), unha das grandes figuras da literatura galega na segunda metade dos 80 e primeiros anos dos 90. Foi poeta, música, cultivou o xénero teatral, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e tamén fixo traballos de tradución. Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.
Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Luísa Villalta co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.
Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.
UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.
Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.
Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura da homenaxeada, cando se celebra o 20 aniversario do seu falecemento.
Luísa Villalta defendeu e traballou a prol do galego en todas as facetas da súa vida, como profesora de lingua e literatura galega en varios institutos sempre estivo implicada na promoción do galego, organizando representacións teatrais nos centros ou levando a iniciativa de concursos literarios; como escritora; coa súa colaboración en diversas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempos Novos”, “Luzes de Galiza” ou “A Trabe de Ouro”; ou como membro activo de organizacións como o Foro da cultura galega, A asociación de escritores en lingua galega ou a Mesa pola normalización lingüística.
Finalmente, nesta data, pero os 365 días do ano, UGT-Galicia insiste en destacar o valor da lingua galega e da cultura como elementos de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.