Rego leva ao Congreso a oposición á instalación de Altri na Ulloa

por Redacción Galicia

«O Goberno do Estado debe priorizar proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do noso País en lugar de financiar a instalación dunha pasteira que causará un tremendo impacto social e ambiental negativo» defende Rego

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Congreso unha iniciativa para que o Goberno do Estado rexeite a inclusión do proxecto da macroplanta de celulosa de Altri nas axudas públicas do PERTE de descarbonización. A vindeira terza feira, o deputado do BNG, Néstor Rego, demandará o apoio do resto das forzas políticas para impedir a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei e a grave afectación que terá tanto no medio ambiente como para sectores tan importantes como o agro-gandeiro e o marisqueiro.

Durante a vindeira sesión da Comisión de Industria e Turismo do Congreso, o BNG defenderá unha Proposición Non de Lei relativa ao financiamento a cargo de fondos europeos do proxecto de Altri e a súa pretensión de instalar unha macroplanta de celulosa líquida en Palas de Rei.

Esta iniciativa, explica Rego, enmárcase dentro da ofensiva institucional e social que o BNG está a desenvolver para paralizar o proxecto «polo seu enorme impacto ambiental, a súa afectación á actividade agro-gandeira, aos recursos hídricos, ao ecosistema do río Ulla, á riqueza marisqueira e pesqueira da Ría de Arousa e a espazos da Rede Natura».

«Queremos que o Goberno do Estado revise con rigor o proxecto da empresa Altri para a instalación dunha planta de pasta de celulosa líquida e fibra téxtil e as súas infraestruturas no termo municipal de Palas de Rei (Lugo) e que teña en conta as numerosas alegacións presentadas por parte de distintos colectivos, organizacións e entidades de todos os ámbitos no proceso de Información Pública aberto pola Xunta de Galiza no 4 de marzo» afirma o deputado do BNG no Congreso.

Así mesmo, outro dos puntos da parte resolutiva da iniciativa demanda ao Goberno rexeitar a inclusión do proxecto de macro planta de celulosa líquida promovido por Altri entre as propostas de financiamento con cargo ás axudas públicas do PERTE de descarbonización, así como o acceso a calquera outra axuda directa ou crédito. «Este proxecto incumpre claramente os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que indica que os proxectos deben contribuír a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transición ecolóxica» sinala Rego.

«É preciso que o Goberno priorice a preservación do medio natural, a adecuada xestión dos recursos hídricos e o mantemento da actividade agro gandeira e marisqueira da Galiza no momento en que se avalíe a concesión de fondos europeos, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do noso País en lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, de seguro, causará un tremendo impacto social e ambiental negativo e que está a xerar o rexeitamento do conxunto da sociedade galega» sentenza o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario